publicidade hoxe

A Deputación destina 2,8 millóns para a mellora de estradas en Culleredo, Bergondo, Boiro e Toques

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBergondoBoiroCulleredoToques
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publica hoxe a exposición pública de catro obras por importe de máis de 2,8 millóns de euros para a mellora de diversas estradas provinciais nos concellos de Culleredo, Bergondo, Boiro e Toques. En total, destinaranse a obras 2.498.183,06 euros e 317.583,28 ás expropiacións necesarias para a súa realización, xa que en varios casos requiren da ampliación da plataforma actual.

Os proxectos publicados hoxe inclúense na primeira fase do Plan de Investimentos en Vías Provinciais 2017, segundo explicou o deputado responsable da área de Vías e Obras da institución provincial, José Manuel Pequeño, que destacou que se trata de “proxectos importantes, tanto polo seu montante económico como pola súa contribución á mellora da seguridade nalgúns puntos da rede viaria provincial que precisaban de actuacións de ampliación ou mellora do trazado”.

1,3 millóns na ampliación da estrada Confurco-Orro

En Culleredo, a Deputación da Coruña investirá 1. 215.705 euros na ampliación da plataforma, a creación dunha senda peonil e diversas melloras na estrada DP 0510, que enlaza o núcleo de Confurco, en Culleredo, con Orro, no termo municipal de Arteixo. A este investimento hai que sumarlle os 136.313, 65 euros que a Deputación reserva para as expropiacións necesarias para a realización dos traballos.

O deputado de Vías e Obras da institución provincial, José Manuel Pequeño, subliñou que se trata dun proxecto “ambicioso, dos maiores que vai a desenvolver a Deputación na provincia”, co obxecto de “modificar completamente a configuración da estrada nun tramo de 3 quilómetros, ampliándoa, mellorando o trazado e dotándoa dunha maior seguridade tanto para o tráfico rodado como para os veciños da zona que se desprazan a pé polos marxes do vial”.

As obras consitirán na ampliación da estrada desde o seu comezo, na intersección coa tamén vía provincial DP3109, ata o punto quilométrico 2+940, mellorando o acceso ao Club de Campo de A Garrocha, os núcleos de Figueiras e Caiñás, e as diversas vivendas situadas neste tramo de preto de 3 quilómetros.

Na actualidade, esta vía ten un ancho medio de cinco metros e carece de beiravías, o cal impide unha correcta seguridade viaria. Para solventalo, ampliarase a plataforma para dotala de dous carrís de tres metros cada un e de beiravías de medio metro, así coma de cunetas de seguridade, o cal contribuirá tmaén á mellora da seguridade peonil dos veciños da zona.

Senda peonil, aparcamento, mellora das interseccións e do trazado

Co obxectivo de favorecer o tránsito dos viandantes entre os diversos inmobles que se sitúan a ambos marxes da estrada, tamén se creará unha senda peonil de dous metros de ancho ao longo da totalidade da estrada. Ademais, nas zonas onde o ancho da vía o permite, aproveitarase para a creación dun aparcamento en batería.

O proxecto tamén prevé a mellora dos accesos e interseccións, a modificación das curvas con radio moi reducido e a execución dunha nova glorieta á altura do punto quilométrico 2+000, co fin de favorecer os cambios de sentido e de eliminar os puntos con alta perigosidade tanto para o tráfico rodado coma para os viandantes.

Mellora do cruce de Lubre, en Bergondo

En Lubre (Bergondo), a Deputación investirá 38.945 euros para mellorar a intersección da estrada DP0803, de Riomaior a Obra do Paño, coa DP0813, de Sada a Armuño.

O obxectivo é mellorar a seguridade viaria, facilitando os xiros e ordenando o tráfico, na intersección en forma de Y que se sitúa no lugar de Lubre. Para elo, construiranse varias isletas e unha rotonda e potenciarase a sinalización tanto vertical coma horizontal de toda a intersección.

O proxecto da Deputación tamén inclúe a mellora da iluminación e a dotación dunha capa de mestura asfáltica en quente para reparar o firme tras as obras.

924.000 euros para ampliar a estrada de Cespón a Vidres, en Boiro

A Deputación publica tamén hoxe outro importante proxecto para a ampliación e mellora da estrada provincial DP 1102 que une os núcleos de Cespón e Vidres (Boiro), entre os puntos quilométricos 0+000 e 1+700.

Estas obras contan cun orzamento de 782.718,48 euros, aos que hai que sumar os 142.266,73 que se reservan para as expropiacións necesarias para a execución dos traballos. Os pasados días 27, 28 e 29 de marzo, a Deputación citou na Casa dos Veciños de Cespón aos 208 titulares dos terreos afectados para realizar os trámites de expropiación.

Segundo explicou o deputado de Vías e Obras, o proxecto consiste “na mellora e ampliación da sección da calzada no tramo de 1,7 quilómetros que vai dende o punto quilométrico 0+00 ao 1+700, dotándoa de carrís de 3 metros, fronte aos 2,5 m. actuais, e con beiravías de 1 metro de ancho para mellorar a seguridade peonil”. Tamén se inclúe no proxecto unha mellora do trazado, suavizando algunhas curvas existentes, “o que axudará a dar maior fluidez e seguridade ao tráfico”.

Nos primeiros 350 metros da estrada, onde a sección queda igual que estaba, realizarase un reasfaltado e unha mellora do seu cruce co tronco da estrada ampliada. A estrada ampliarase ata a glorieta que marca o final do tramo. Tamén se inclúe a mellora dos enlaces existentes nos puntos quilométricos 0+300 e 0+720 para facilitar os xiros dos vehículos, a construción de varios muros de contención de formigón e escollera e a prolongación do sistema de drenaxe transversal existente, así como a urbanización do tramo con saneamento, iluminación e mellora da sinalización vertical e horizontal.

Para garantir a seguridade do tráfico durante a execución das obras, estas realizaranse primeiro nun sentido e posteriormente no outro, permitindo así manter en servizo un dos dous carrís de circulación en todo momento. Os traballos terán un prazo de execución de 10 meses a partir do seu inicio

Medio millón para a estrada que une Toques e Melide

O último dos proxectos publicados hoxe conta cun orzamento de 460.800 euros (máis 39.000 € de expropiacións) para a ampliación dun tramo da estrada DP4604 de Melide ás Pías por Toques. En concreto, actuarase no treito comprendido entre os núcleos de A Cabana (Toques) e Pereiras (Melide), co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, eliminando as curvas perigosas para a circulación.

No caso da DP4604, que actualmente conta cun ancho de vía de 7 metros, acondicionarase unha explanada de 12 metros, para albergar unha estrada de 9 metros máis unha gabia de seguridade.

Deste modo, poderase mellorar o trazado reducindo a sinuosidade das curvas e aumentando a visibilidade nos xiros pechados. Esta nova plataforma afirmarase con rego de adherencia e de imprimación e 35 centímetros de zahorra artificial. Para os camiños de servizo, a pavimentación consistirá nun dobre tratamento superficial sobre unha capa de 10 centímetros de grava.

Para garantir a correcta evacuación das augas pluviais e o mantemento da vía, a Deputación tamén executará un novo sistema de drenaxe, que incluirá un foxo, un colector e varias arquetas.

26 de abril de 2017 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.