A Deputación de Pontevedra destina medio millón de euros para que Agolada e Lalín contraten 54 persoas
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar hoxe unha nova relación de subvencións, ao abeiro da liña 3 de emprego do Plan Concellos 2017, por valor de
451.483,03 €, para que os concellos de Lalín e Agolada poidan contratar 54 persoas e garantir así a prestación dos servizos municipais.
En concreto, a través desta achega Agolada recibirá 114.016,75 € para que o concello dea emprego a 17 persoas e Lalín 337.466,28 € para a contratación de 37 traballadoras ou traballadores.
Carmela Silva sinalou que “con esta nova aprobación de preto de 452.000 euros a Deputación de Pontevedra leva xa investidos máis de 8,5 millóns de euros ao abeiro da liña 3 de emprego do Plan Concellos 2017”. A través destas achegas, explicou a presidenta provincial, “xa creamos un total de 1.105 empregos en 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia de Pontevedra” para garantir e manter os diversos servizos municipais que prestan. Este investimento total, que ascende á cantidade de 8.521.779,94 €, supón o 91,93 % do orzamento da liña 3 para este ano.
A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén recordou que este ano a achega total á liña 3 do Plan Concellos é de 9.270.000 €, o que supón o 22,5 % do total do plan, que neste 2017 conta con 41,2 millóns de euros, un 3 % máis que en 2016.