publicidade hoxe

A Deputación de Lugo achegou aos veciños de Alfoz máis de 300.000 euros para mellorar os seus servizos públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAlfozLugo
A-
A+

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Alcalde de Alfoz, Jorge Val Díaz, informou este mércores do investimento que o Goberno Provincial achegou aos case 1.900 veciños deste municipio coa execución do Orzamento de 2016. Foron máis de 300.000 euros, que se destinaron a mellorar as prestacións públicas.

Campos Conde e Val Díaz mantiveron encontros cos veciños e supervisaron as actuacións realizadas. Deste xeito, en primeiro lugar, coñeceron a experiencia dos 3 desempregados lucenses que foron contratos a través do DEPUEMPREGO. É o plan de emprego da Deputación nos municipios de menos de 20.000 habitantes mediante o cal o Executivo Provincial decidiu financiar na súa totalidade os custos laborais de novos traballadores cos que reforzar os servizos públicos do Concello. Alfoz recibiu 44.251 euros, que permitiron a contratación de 2 administrativos, que atenden as oficinas de turismo e de atención ao público, ademais de 1 peón de obras, que acondiciona e mellora o conxunto dos servizos públicos municipais.

O Presidente e o Alcalde visitaron a veciños que contan co Servizo a Domicilio para non dependentes grazas ao Goberno da Deputación, que decidiu asumir todos os custos da contratación dos profesionais necesarios para ofrecer esta prestación porque a Xunta deixou de financiala en 66 Concellos coa aprobación dun decreto. Deste xeito, o Executivo Provincial achegou a Alfoz 23.062 euros que permiten que 12 maiores do municipio conten con esta prestación. O titular provincial e o Rexedor tamén estiveron con usuarios do Servizo de Teleasistencia que o Goberno da Deputación ofrece gratis a persoas non dependentes, que non atende a Xunta. Son 11 maiores de Alfoz os que contan con este servizo. Todo isto a custo cero para o Concello.

Melloras de 75.900 euros en dotacións públicas

O Presidente e o Alcalde supervisaron as melloras executadas nos accesos a 9 núcleos rurais nos que viven uns 100 veciños, financiadas con 53.500 euros polo Goberno da Deputación a través do Plan de Obras e Servizos. Consistiron no arranxo do firme de vías municipais en Golvidal, Padriñán, As Leas, Rolle, A Granda, Arriba do Río, A Pesquita, Outeiro, Pousafoles. Tamén se fixo un muro de escolleira en Bacoi co POS.

Precisamente, na parroquia de Bacoi, Campos Conde e Val Díaz comprobaron os traballos da dotación dun novo alumeado público no núcleo de Golvidal, que financiou o Executivo Provincial con 12.000 euros. Logo, visitaron o Castelo de Castrodouro, un dos puntos de maior importancia turística do Concello, onde se executaron melloras con respecto ao seu illamento térmico para evitar a entrada en auga por mor das choivas grazas aos 10.600 euros que achegou o Goberno da Deputación.

Próximas actuacións

Outro dos importantes investimentos que o Executivo Provincial achegou a Alfoz co Orzamento de 2016 para mellorar as prestacións públicas do conxunto dos preto de 1.900 veciños deste municipio, está dotado de 150.000 euros. Con este presuposto, nos vindeiros días, pois as obras xa están contratadas, vaise a mellorar a estación de auga potable municipal, o depósito de auga da parroquia de Adelán, na que viven 250 cidadáns; así como os camiños forestais dos núcleos de Oiras, Pereiro, Lagoa, Castro, Carballido e Bacoi, beneficiando aos máis de 900 veciños que viven nos mesmos.

Máis colaboracións

Son máis de 300.000 euros os que o Goberno da Deputación levou aos veciños de Alfoz a través do Orzamento de 2016 xa que, a maiores das actuacións citadas, o Executivo Provincial colaborou co financiamento de melloras en instalacións culturais e deportivas, así como na organización de actividade no eido cultural e deportivo, que contribuíron a celebración de xornadas de cine, teatro, conferencias, concertos, proxección de documentais, clases de ximnasia… Tamén colaborou con citas que dinamizan social e economicamente o municipio, como o Mercado Medieval.

26 de abril de 2017 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.