publicidade hoxe

A Deputación da Coruña impulsará o turismo no Dolmen de Cabaleiros mellorando a sinalización e os servizos aos visitantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaTordoia
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou hoxe unha visita institucional ao concello de Tordoia, dentro da rolda que está a realizar polos municipios da provincia para escoitar as súas demandas e coñecer o resultado das obras e proxectos financiados pola institución provincial.

O alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro Liñares, e os membros da corporación local recibiron ao presidente provincial na Casa do Concello, desde onde se desprazaron ata o Dolmen de Cabaleiros, un dos principais puntos de interese turístico da zona.

Valentín González Formoso explicou distintas medidas que a Deputación baralla para poñer en valor o megalito, propiedade da institución provincial desde os anos 70. Entre estas medidas, atópase a posible adquisición de terreos adxacentes ao monumento, para ampliar o ámbito de protección e mellorar así a accesibilidade e as dotacións destinadas aos visitantes.

Ao mesmo tempo, dentro do expediente modificativo de crédito que o Pleno da Deputación aprobará mañá, inclúese un proxecto para a mellora da sinalización de diversos enclaves que conforman o patrimonio provincial, entre os que se atopa o megalito de Tordoia, que contará con novos paneis indicativos realizados sobre pedra.

O Dolmen de Cabaleiros presenta un bó estado de conservación, pero nunca foi escavado nin estudado en profundidade. “As potencialidades turísticas e culturais deste dolmen aínda non están suficientemente explotadas”, afirmou Formoso aludindo á necesidade de por en marcha distintas actuacións para dar a coñecer o monumento e utilizalo como foco de atracción de visitantes ao municipio.

Pola súa banda, Pereiro Liñares tamén anunciou que o Concello pretende habilitar nos terreos contiguos ao dolmen unha zona de aparcamento que permitirá o estacionamento de autobuses e visitantes que se acheguen a coñecer o dolmen.

Así mesmo, entre os plans do Concello tamén se atopa a reubicación da caseta de atención turística do municipio no recinto ampliado do Dolmen de Cabaleiros para centralizar alí o turismo da zona.
A través deste conxunto de medidas, Deputación e Concello esperan dar un pulo ao turismo e revitalizar a economía da zona, ao tempo que se melloran as condicións desta construción megalítica, de máis de seis mil anos de antigüidade, que ten un gran valor patrimonial e está moi arraigado á cultura da zona, protagonizando lendas polas que é coñecido coma “Casa da Moura”.

Melloras nas estradas e ampliación da ponte sobre o río Pedrouzo

Unha das demandas do alcalde á Deputación foi a mellora do firme da estrada provincial DP8401 de Tablilla a Agro do Meste, que precisamente conduce ata o Dolmen de Cabaleiros e constitúe unha das principais arterias do Concello ao conectar con Santiago de Compostela.

Pereiro Liñares lembrou que esta actuación, financiada pola Deputación, “foi a primeira obra de máis dun millón de euros que se levou a cabo no municipio” e que se trata dunha “mellora moi necesaria nun vial que concentra unha gran cantidade de tráfico”.

Sobre este asunto, Valentín González Formoso anunciou que a Deputación ultima o proxecto de ampliación da ponte sobre o río Pedrouzo, no punto quilométrico 3 deste vial, coa idea de “evitar os asolagamentos da estrada que se producen durante as épocas de choivas”. O departamento de Vías e Obras da institución provincial está rematando este proxecto, que estará finalizado este verán, e que ofrecerá unha solución aos problemas para a seguridade do tráfico.

Segundo informou o presidente provincial, esta obra levara aparellada a “mellora do firme do vial”, que tamén se acometerá en parte a través dos plans de Conservación de Vías e Obras, dado que se trata dun “acceso principal ao municipio”.

Dous millóns de euros en dous anos

Valentín González Formoso destacou a importancia das achegas económicas da Deputación para a mellora dos servizos e as infraestruturas dos pequenos municipios coma Tordoia. Neste sentido, apuntou que “en menos de dous anos, o goberno provincial leva investido na localidade máis de dous millóns de euros, distribuídos fundamentalmente a través de plans con criterios obxectivos”.
Asemade, Formoso anunciou que o Plan Único destinará ao municipio este ano 753.892 euros, dos cales 219.036 se destinarán a amortizar a débeda municipal, “contribuíndo así ao saneamento da economía do concello”.

“O Plan Único non só seguirá garantindo que os veciños de Tordoia poidan contar con infraestruturas que melloren a súa calidade de vida, senón que ademais permitirá aos concellos sanear as súas economías reducindo a débeda e axilizando o pago a provedores”, remarcou o presidente da Deputación.

Así mesmo, Valentín González Formoso lembrou que outro dos obxectivos do Plan único é “outorgar aos concellos unha maior autonomía, xa que serán os propios gobernos municipiis os que decidan cales son as súas prioridades á hora de investir os fondos provinciais”.

González Formoso e Pereiro Liñares tamén abordaron outro dos novos plans do goberno provincial, o Plan de Emprego Local (PEL), mediante o cal Tordoia pasou de contar cun importe 11.400 euros no 2015 a unha dotación de 25.000 euros.

Neste sentido, Formoso salientou que “a estratexia provincial de impulso é unha das liñas claves e transversais a todos plans levados a cabo polo goberno provincial” e engadiu que o Plan de Medio Ambiente (PMA) tamén contribuíru a potenciar o emprego en Tordoia, coa contratación de 5 persoas na brigada medioambiental para realizar tarefas de conservación e mellora dos espazos naturais do concello.

O presidente da Deputación e o alcalde de Tordoia visitaron tamén a sede da empresa TMC- Cancela, ubicada no municipio e dedicada ao deseño, produción e venda de maquinaria agrícola e forestal. Acompañados polos responsables da compañía, González Formoso e Pereiro coñeceron as diferentes liñas de produción da compañía, que conta con redes de comercialización das súas máquinas en diversos países europeos e en Estados Unidos.

Novas gradas no campo de Gorgullos

Valentín González Formoso aproveitou a súa visita ao concello de Tordoia para coñecer de primeira man varias infraestruturas onde se realizarán obras do Plan de Acción Social (PAS) da Deputación.
En primeiro lugar, visitou o campo de fútbol de Gorgullos, situado no lugar de Porciños, que contará cun novo gradarío grazas ao investimento de 56.243 euros da Deputación. Esta bancada dará cabida aos espectadores que cada semana visitan o campo de fútbol no que compiten e adestran os máis de 200 rapaces e rapazas da Sociedade Deportiva Tordoia

Posteriormente, o presidente desprazouse ata o Centro Sociocultural do Castiñeiro, outra das dotacións públicas que será mellorada grazas aos plans da Deputación da Coruña. Neste caso, acometeranse obras orientadas á eficiencia enerxética, coma o illamento da fachada ou a substitución das portas e as ventás. Este traballos, que contan cunha inversión de 38.750 euros, permitirán mellorar as condicións de habitabilidade e salubridade do centro, ademais de reducir considerablemente as facturas de electricidade.

27 de abril de 2017 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.