A Deputación da Coruña colabora coa Fundación Paideia para promover o voluntariado entre a mocidade desempregada
A Deputación da Coruña colabora coa Fundación Paideia para promover o Servizo de Voluntariado Europeo (SVE) entre a mocidade desempregada, a través do financiamento de diversos seminarios que teñen por obxecto informar e resolver as dúbidas e ofrecer asesoramento técnico.
A deputada responsable de Servizos Sociais e Igualdade, Ánxela Franco, destacou que “a intención da Deputación é apoiar aos mozos e mozas da provincia para que teñan a oportunidade de formarse noutros países” e “promover unha cultura participativa e solidaria entre a mocidade”.
A institución provincial achega 17.000 euros para o desenvolvemento destas accións formativas, que no ano 2016 acolleron a 247 mozos e mozas da provincia da Coruña. A maioría dos participantes, un total de 131, foron do concello da Coruña, seguidos da Pobra do Caramiñal (20), Santiago de Compostela (16), Boiro (11) e Oleiros (9).
O proxecto consiste en dúas fases, unha previa á saída dos voluntarios, e outra á volta da experiencia. Na primeira realizaranse sesións formativas de orientación e contextualización, e na segunda, sobre posibilidades de proxección no mundo laboral do aprendido coa experiencia.
A fundación Paideia e a Deputación ofrecerán seminarios informativos e formativos para 200 mozos e mozas, sobre a elaboración dos documentos requiridos para participar no Servizo de Voluntariado Europeo, coma cartas de motivación e formularios.
Durante os seminarios, técnicos especializados explicarán detalladamente que é o Servizo de Voluntariado Europeo e outros programas de mobilidade, cales son os países participantes, que tipo de proxectos se ponde realizar, que gastos están cubertos e os pasos necesarios para participar.
Esta formación inclúe tamén sesións lingüísticas intensivas para facilitar a aterraxe no novo país e asesoramento técnica en aspectos prácticos coma os seguros, a viaxe, os dereitos e deberes durante a voluntariado ou a preparación fronte aos posibles choques culturais.
Así mesmo, as charlas impartiranse nos centros educativos, centros cívicos e xuvenís ou calquera outra organización interesada que o solicite.
Doutra banda, ofreceranse accións formativas para 30 mozos e mozas á volta do voluntariado, onde se traballarán diferentes documentos coma o currículum ou a convalidación de títulos, que faciliten a posta en valor no mercado laboral das competencias adquiridas durante a súa experiencia.
Estes seminarios axudarán á inserción laboral dos voluntarios e lles ofreceran a a posibilidade de encontrarse e compartir impresións sobre a súa experiencia con outros voluntarios así coma con entidades promotoras implicadas, axudando así á construción de redes entre participantes.











