A Consellería de Educación inviste 100.000 euros en traballos arqueolóxicos no Castro de Viladonga
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de licitar os traballos de escavación, acondicionamento e consolidación arqueolóxica no castro de Viladonga, en Castro de Rei (Lugo), tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia e que pode consultarse no enderezo web http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170411/AnuncioG0164-060417-0002_gl.html. A intervención, que conta con fondos procedentes do programa operativo Feder, suporá un investimento estimado de 100.000 euros e un prazo máximo de execución de oito meses.
As tarefas que agora se licitan súmanse ás que concluíron recentemente para o acondicionamento e consolidación arqueolóxica, e teñen a súa orixe no estudo de diagnose realizado en 2015. Esta investigación puxo de manifesto o deterioro dalgunhas das estruturas castrexas, de aí que desde a Consellería se estimase a necesidade de levar a cabo un proxecto de conservación preventiva para corrixir esta situación e evitar o derrubo e destrución das construcións postas ao descuberto en anteriores campañas arqueolóxicas que se veñen realizando neste xacemento desde a década dos 70.
En concreto, os traballos a realizar para a campaña 2017/18 serán a roza e limpeza manual (nas zonas de estruturas arqueolóxicas) e mecánica (no resto da área); a revisión da documentación bibliográfica e documental das antigas campañas de escavación ; a actualización da rede de bases topográficas existente no castro; a limpeza e consolidación dos muros, pavimentos e outras estruturas; o acondicionamento destas áreas para preservar e garantir a máxima protección das estruturas, ademais de mellorar a visibilidade, accesibilidade e comprensión do xacemento; a realización dunha fotogrametría dixital da área de intervención, que inclúe a actualización dos contidos dos paneis informativos do xacemento, entre outros.
Trátase, por tanto, de re-escavar e consolidar novas estruturas arqueolóxicas que presentan un importante deterioro. A continuación dos traballos arqueolóxicos neste xacemento tamén fará posible afondar no coñecemento e investigación do mesmo, como paso previo á continua mellora da súa oferta sociocultural.
O Castro de Viladonga é propiedade da Xunta de Galicia e está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) na súa categoría de Monumento. Trátase dun dos xacementos arqueolóxicos máis senlleiros da nosa comunidade autónoma, un dos máis coñecidos polo público, e tamén un dos que recibe maior número de visitas durante o ano.