A Cañiza mellorou dous parques infantís e adecuou un espazo para servizos sociais coa orde de infraestruturas de Vicepresidencia
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, acompañado do alcalde da Cañiza, Miguel Adolfo Domínguez, visitou esta mañá este concello co obxectivo de comprobar as obras que se realizaron a través da orde de subvención para Infraestruturas de Uso Público e que permitiron adecuar un local no edificio consistorial para servizos sociais.
Grazas a estas axudas, o concello da Cañiza puido tamén levar a cabo tamén a mellora de dous parques infantís, cun orzamento global de 60.000 euros, cunha aportación da administración autonómica do 80%, facéndose cargo o concello do IVE.
Segundo apuntou o delegado territorial, “grazas a este investimento púidose transformar a antiga biblioteca da casa do Concello como espazo dedicado á Servizos Sociais, desenvolvendo unha importante reforma e acondicionamento de espazos, xa que a zona onde se atopaban estes servizos era moi reducido”. Agora, A Cañiza conta con tres oficinas para a traballadora social, o auxiliar adxunto e a educadora familiar, así coma cun almacén de alimentos para as persoas máis necesitadas.
A maiores, grazas a esta subvención, tamén se puideron recuperar dous parques infantís moi deteriorados que non se estaban a utilizar, un situado no lugar de Xunqueiras, en Couto, e outro na parroquia de Valexe, no lugar do Coto de Ventín.
Nestes parques instaláronse vallas exteriores adaptadas para nenos, adecuouse o chán e arranxáronse os equipamentos.
Tal e como explicou José Manuel Cores Tourís, a nivel provincial, “a orde de subvencións da Vicepresidencia, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos en 2016, cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, contou cunha axuda global de 1,7 millóns de euros”.
Este programa, ao igual que a Xunta de Galicia, ten entre as súas prioridades “a mellora da calidade de vida nas zonas rurais” e por iso o Goberno galego decidiu apoiar economicamente a aquelas actuacións cuxo obxectivo sexa mellorar as infraestruturas e equipamentos de uso público e, por tanto, dos servizos municipais que os concellos prestan aos seus veciños e veciñas, engadiu o delegado territorial.
As actuacións subvencionables baixo esta orde foron proxectos de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos -prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís-; edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos administrativos; e instalacións deportivas de uso público; así como as súas respectivas dotacións de equipamentos. Ademais, tamén eran subvencionables as instalacións, ampliacións e melloras das redes de alumeado público e a pavimentación de vías municipais que non estean incluídas no programa de mellora de camiños do concello beneficiario.