Valentín González Formoso destaca en Monfero o “impulso ao emprego” dos novos plans da Deputación
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe Monfero como parte da rolda que está a facer polos municipios da provincia para coñecer as súas necesidades e escoitar as súas demandas.
O presidente provincial foi recibido á súa chegada polo alcalde monferés, Andrés Feal Varela, e outros membros da corporación local, cos que mantivo unha reunión na que se abordaron, entre outros temas, os novos plans postos en marcha pola Deputación.
González Formoso destacou “o impulso ao emprego” que supuxeron os distintos plans da Deputación no concello de Monfero, así como o impacto dos investimentos provinciais na mellora das infraestruturas do municipio, especialmente nas estradas, xa que se trata dun dos concellos coruñeses con maior número de viais de titularidade provincial.
O PEL e o PMA contribúen á xeración de novos postos de traballos
O presidente provincial destacou os beneficios para Monfero do Plan de Emprego Local, unha nova proposta do goberno provincial no que se multiplican por seis os orzamentos destinados ao emprego, ata alcanzar a cifra récord de 9 millóns de euros no 2017. No caso de Monfero, o concello pasa de contar cun importe de 7.650 euros en 2015 a unha dotación de 22.000 €.
Grazas a este esforzo inversor, o concello contratou a dous traballadores, que desenvolven tarefas municipais. Así mesmo, dentro do PEL tamén foron convocadas recentemente dúas novas liñas de axudas; unha destinada ao impulso da contratación, á que se presentaron 4 empresas de Monfero, e outra dirixida aos mozos e mozas emprendedores para a adquisición de material, que contou cunha candidatura no municipio.
Ademais, o emprego é un dos eixos estratéxicos presentes en todos os plans e accións promovidos polo actual goberno provincial. Neste sentido, o Plan de Medio Ambiente (PMA) tamén impulsa a creación de postos de traballo nos concellos, coa creación de brigadas medioambientais. Monfero viuse favorecido por estas axudas da Deputación, xa que recibe a maior achega da provincia para a creación de cuadrillas: 50.126,58 euros, cos que se contrataron oito peóns que realizan tarefas destinadas ao mantemento e mellora do entorno natural.
Así mesmo, o concello de Monfero viuse beneficiado polo novo POS+, que deixa no municipio un total de 832.827 euros para o ano 2017, posto que para o reparto dos fondos utilízanse criterios obxectivos que benefician aos municipios mais rurais, que conten cunha gran extensión e pouca poboación. Este é o caso de Monfero, que se caracteriza pola súa gran dispersión demográfica, cunha baixa densidade de poboación de 12 habitantes por quilómetros cadrado.
Ademais dos investimentos a través dos diferentes plans provinciais, a Deputación tamén ten un compromiso co concello para investir máis de 150.000 euros no acondicionamento e rehabilitación do campo de fútbol do Xestal, que incluirá a renovación da iluminación, os vestiarios e o céspede.
475.840 euros para mellorar os locais sociais e os camiños rurais
González Formoso aproveitou a visita ao concello de Monfero para comprobar o estado das obras que xa se están executando nos locais sociais e camiños do municipio con fondos provinciais.
A través do Plan de Acción Social (PAS), a Deputación destina 475.840 euros á rehabilitación e acondicionamento dos locais sociais de Vite, Xiao e Xestal, así como á pavimentación de varios camiños.
Estes traballos permitirán mellorar as condicións das infraestruturas municipais e ofrecer así un mellor servizo aos veciños. Os traballos nos distintos locais inclúen a substitución do tellado, a limpeza de fachadas e a instalación dunha baixante pluvial, entre outras actuacións, cunha dotación orzamentaria de 165.580,43 euros.
Co fin de mellorar a seguridade viaria, tamén se procederá a pavimentar dez camiños municipais, entre eles os de Abercobo e Goente (Vilachá), de Portocobo a Pradagrande (Queixeiro), da Rocha, Ferro e Escoitadora (Alto Xestoso), para os que o ente provincial destina 149.265,85 euros.
As obras inclúen a limpeza de calzadas e cunetas, a reparación de baches, a colocación de sumidoiros e a apertura de curvas en certos tramos das estradas coa finalidade de aumentar a súa visibilidade.
O PAS permitirá tamén mellorar a capa de rodaxe doutras sete pistas municipais en Alto do Xestoso, Val Xestoso, Santa Xía, San Fiz e Queixeiro, nos camiños da Calvela, O Sisto, Framelle ou Albite, para os que se destina unha partida de 102.677.20 euros. Neste caso, procederase a reparar os tramos máis deteriorados, reparando os pavimentos e as mordentes deterioradas.