publicidade hoxe

Uns 550 rapaces do CEIP Altamira de Salceda de Caselas, ás voltas coa compostaxe nos obradoiros da Deputación de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSalceda de Caselas
A-
A+

Os 550 rapaces e rapazas de Educación Primaria do CEIP Altarmira participan estes días nos obradoiros organizados pola Deputación para aprender de xeito lúdico en que consiste a compostaxe. Esta semana os 90 rapaces de 6º curso participaron nunha visita ao centro de compostaxe comunitaria que está instalado fronte ao colexio, coñecendo da man da mestra composteira que o xestiona todos os pasos necesarios para acadar un compost de boa calidade.

Esta visita ao composteiro, na que os pequenos tomaron notas, pero tamén participaron activamente no tratamento do lixo, continuará con outros obradoiros realizados por monitores do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) dentro do Plan Revitaliza da Deputación. Para os alumnos de último ciclo de primaria realizaranse unhas xornadas prácticas nas que os nenos e nenas porán en marcha o seu propio composteiro no patio do centro escolar durante o mes de abril. Eles mesmos, xunto co persoal docente, serán os encargados do seu mantemento e bo funcionamento posterior.

Para o ciclo medio (200 nenos de 3º e 4º de Primaria) está dirixida a charla ‘A voltas coa compostaxe’, un achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume, precaucións) e a súa xestión e tratamento, facendo fincapé no proceso de compostaxe dos restos de comida e vexetais. Os 200 rapaces e rapazas máis pequenos (1º e 2º) participarán nos diferentes xogos programados, entre os que destaca o ‘Xogo da miñoca’, unha variación xigante da oca na que, formando equipos sentados no chan, resolverán preguntas sobre como acadar un bo compost. Tamén se farán uns obradoiros titulados ‘Quen vive aí?’ sobre os bichos que están implicados na compostaxe.

A Deputación de Pontevedra realiza estas actividades escolares da man dos monitores do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) dentro do Plan Revitaliza. O obxectivo é concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

A Deputación, de feito, está a traballar no no Plan Revitaliza potenciando a compostaxe como sistema de xestión alternativo para o lixo orgánico. Ata o de agora repartíronse composteiros comunitarios entre varios concellos de xeito demostrativo que están a funcionar con éxito. En breve empezarán a instalarse outros grazas nos concellos adheridos á segunda fase do Plan. Esta cambiará a contenerización actual do lixo e posibilitará que, de forma sistemática, todos os orgánicos vaian ao composteiro e o resto ao colector amarelo de envases, ao azul de papel e ao verde de vidro, eliminando así o colector verde.

30 de marzo de 2017 | 18:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.