publicidade hoxe

Uns 40 concellos coruñeses participan nun encontro para activar as mesas locais contra a violencia de xénero

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Intervención de Susana López Abella na xuntanza. Foto: M. Fuentes

Intervención de Susana López Abella na xuntanza. Foto: M. Fuentes

Un total de 39 concellos da provincia da Coruña, xunto coa Mancomunidade de Ordes, participan nun encontro, organizado pola Xunta, para activar as mesas locais de coordinación contra a violencia de xénero.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu hoxe esta primeira xuntanza, que se estenderá ao resto de provincias entre esta semana e a próxima. O obxectivo destes encontros é intercambiar boas prácticas e elaborar diversa documentación para completar o proceso de activación destas mesas.

Con estas accións dáse continuidade á aposta do Goberno galego por definir un modelo de traballo práctico, operativo e eficaz para as mesas locais. Estes traballos arrancaron en 2015 coa publicación e divulgación da Guía práctica para a constitución das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero (MLC), que está dispoñible na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

Esta Guía constitúe unha ferramenta de apoio que contribúe á mellora da coordinación entre todas as institucións que traballan en contra da violencia machista, e nela explícase de xeito sinxelo os pasos a seguir para a constitución e funcionamento destas mesas.

En 2016 a Xunta deu un paso máis para avanzar na busca de modelos e ferramentas de traballo conxunto para a mesas locais e fortalecer a colaboración institucional. Iniciouse así a segunda fase, de activación das mesas locais, que se articulou a través da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero. Os traballos comezaron no último trimestre do ano pasado, cunha diagnose global sobre a situación das mesas e continúan agora, con esta serie de encontros de intercambio de boas prácticas.

30 de marzo de 2017 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.