Un total de 55 mozos lucenses no paro comezan os cursos do LUGOWORK que inclúe contratos en empresas
O Presidente, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, mantiveron este luns un encontro no Centro de Empresas e Innovación (CEI-Nodus) con 15 mozos lucenses no paro, que iniciaron hoxe o curso “Auxiliar de ventas online e offline e atención ao público”. É unhas das 4 accións formativas gratuítas, que hoxe mesmo puxo en marcha o Goberno da Deputación co LUGOWORK, o seu plan de emprego xuvenil na provincia, dotado de 2 millóns de euros, que captou da Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial.
Son 55 os mozos desempregados os que comezaron os 4 primeiros cursos deste plan e os que recibirán 1.015 horas de aprendizaxe sobre profesións detectadas como nichos de emprego na provincia. Unha vez rematada a fase formativa, os participantes que a finalicen con éxito terán a posibilidade de seren contratados en empresas da provincia, seleccionadas nun proceso público, durante 6 meses. O Executivo Provincial custeará con axudas de 5.000 euros por traballador os seus custos laborais.
Accións formativas iniciadas
As 4 accións formativas do LUGOWORK que xa están en marcha son as seguintes:
– Curso de auxiliar de ventas online e offline e atención ao público (Lugo): son 15 alumnos os que reciben un total de 250 horas de formación, que se distribúen en 8 semanas en horario de 09:00 a 14:00 horas. Os contidos que se inclúen neste obradoiro de emprego son os dirixidos a habilidades sociais e de comunicación, ofimática e técnicas administrativas básicas e coñecementos sobre ventas online e offline.
– Curso de cociña e servizo de restauración (Lugo): son 12 alumnos que reciben un total de 330 horas de formación, que se distribúen en 8 semanas. A Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo acolle esta actividade en horario de 09:00 a 14:00 horas. Os obxectivos que se enmarcan nesta acción formativa pretenden desenvolver todo tipo de servizos relacionados co ámbito alimenticio e restauración e elaboracións culinarias á vista do comensal, empregando, en caso necesario, a lingua inglesa.
– Curso de utilización eficiente e uso de maquinaria para o aproveitamento forestal (Viveiro): son 12 alumnos que reciben un total de 235 horas de aprendizaxe, distribuídas en 8 semanas en horario de 16:00 a 21:00 horas. As actividades que se inclúen son as de realizar operacións necesarias para o aproveitamento dos produtos forestais, manexo de equipos, máquinas e ferramentas en condicións de seguridade sempre respectando a normativa medioambiental e de prevención de riscos laborais.
– Curso de auxiliar de xestión informática e Internet para PEMES (Lugo): son 16 alumnos que reciben unha formación de 200 horas distribuídas en 8 semanas de aprendizaxe en horario de 09:00 a 14:00 horas. Este curso pretende formar traballadores que poidan abarcar un amplo abanico de tarefas relacionadas coas TIC nunha PEME. Entre as actividades a desenvolver inclúense as de mantemento básico dunha rede informática, da imaxe corporativa en Internet, das relacións en redes sociais da empresa colaborando co resto de persoal ou a xestión de datos da mesma.
Formación e logo emprego
Cómpre subliñar que as accións formativas se axustan ás necesidades das empresas da provincia, pois o Executivo Provincial mantivo 11 encontros participativos con representantes dos principais sectores produtivos lucenses e contactos con preto de 600 entidades lucenses, que lle trasladaron os perfís laborais que requiren para ser máis competitivos. É por iso que os contidos deste programa formativo foron deseñados en base as necesidades das empresas do sector.
Tras esta fase, os participantes que rematen con éxito a formación terán a posibilidade de ser contratados durante 6 meses en empresas da provincia, que serán seleccionados nun proceso público, pois o Goberno da Deputación financiará os custos laborais dos novos traballadores con axudas de 5.000 euros.
Máis cursos e axudas no 2017
Durante este ano 2017, o Goberno da Deputación ofrecerá máis cursos con posibilidade de contratos, ao tempo que arrancará a liña do LUGOWORK que inclúe formación e axudas de 3.000 euros para que mozos lucenses no paro poñan en marcha os seus propios establecementos, favorecendo o emprendemento.











