publicidade hoxe

Rey Varela amosa o seu apoio ao proxecto Micasita do Hogar Sor Eusebia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
José Manuel Rey Varela no encontro con representantes do Hogar Sor Eusebia. Foto: M. Fuentes

José Manuel Rey Varela no encontro con representantes do Hogar Sor Eusebia. Foto: M. Fuentes

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo hoxe un encontro cos representantes do Hogar Sor Eusebia no que o responsable da carteira social da Xunta de Galicia valorou a importancia do Proxecto Micasita que “procura a mellor solución arquitectónica para dar acubillo ás persoas que por un motivo ou outro pasan a noite ao raso” e reivindicou a necesidade de “idear unha alternativa residencial para as persoas que viven á intemperie”. Trátase dun recurso para persoas que rexeitan calquera tipo de axuda que menoscabe o seu concepto de liberdade, dado que o que se ofrece é unha vivenda para habitar con carácter indefinido e con absoluta liberdade.

O conselleiro gabou o labor do Hogar Sor Eusebia que desde 1986 acolle ás persoas con maior grao de exclusión na sociedade, persoas sen fogar, as cales en moitos casos padecen enfermidades mentais, adiccións e/ou discapacidade. Conta cunha casa de acollida en Bens (A Coruña), con 60 prazas. Os usuarios contan con servizo de comedor, lavandería, atención socio-sanitaria, terapia ocupacional e outras actividades lúdicas. Para colaborar co mantemento desta casa e coa execución doutros proxectos, a Xunta de Galicia concedeu á entidade herculina máis de 51.000 euros en 2016.

Nesta liña, Rey Varela apuntou cara o traballo coordinado coas asociacións de toda Galicia como “unha das nosas prioridades para acadar o noso obxectivo compartido da inclusión sociolaboral plena”. “O consenso e a colaboración entre administracións e demais organizacións do tecido social debe ser a nosa guía”, engadiu.

13 de marzo de 2017 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.