Quintana apela a seguir traballando ante a UE para evitar a perda de toneladas que quedaron sen pescar polos estados membro

Intervención de Rosa Quintana no coloquio
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, apelou hoxe en Vigo a seguir traballando ante a Unión Europea para evitar que queden cotas sen pescar polos Estados membro, como aconteceu no período 2008-2014, no que máis dun millón de toneladas quedaron sen consumir, segundo os datos que manexa a Xunta e que foron feitos públicos por ARVI. Esta cantidade de especies que quedou sen pescar suporía un valor económico estimado no mercado de 1.800 millóns de euros.
A conselleira fixo estas declaracións no marco da súa intervención no almorzo-coloquio sobre o sector marítimo pesqueiro galego, organizado polo Círculo de Empresarios de Vigo. Alí explicou que a Xunta continuará buscando argumentos sólidos co sector para paliar os efectos negativos que ten sobre a nosa frota o principio de estabilidade relativa. Un concepto sobre o que o Goberno estatal daquela baseou as súas negociacións para a entrada de España na UE no ano 1986 empregando as cotas pesqueiras como moeda de cambio.
Neste sentido, destacou a importancia de “facer valer as boas prácticas de Galicia” no eido pesqueiro como reto clave que pode abrir a porta para revisar o principio de estabilidade relativa no marco da negociación do Brexit. Sobre este asunto, a conselleira lembrou a constitución dun grupo de traballo no seo do Consello Galego de Pesca, coa finalidade de avaliar cada paso que se vaia dando no proceso de saída do Reino Unido da Unión Europea. Tamén destacou que a Xunta traballa co instituto MarInnLeg, creado en Vigo ao abeiro da estratexia de Crecemento Azul (Blue Growth), para conseguir argumentos a favor da frota galega de cara as negociacións en Europa.
Por outra banda, a titular de Mar puxo en valor a importancia da frota de altura e grande altura de Galicia, que cumpre uns esixentes estándares ambientais, socio-laborais e económicos, e destacou o seu traballo en augas exteriores. Neste eido, sinalou que a Xunta fomentará as inversións dos armadores galegos en terceiros países para mellorar a súa competitividade. Deste xeito, explicou que se están a buscar ferramentas financieiras para a renovación da frota e o reforzo de contactos cos países nos que está asentada a frota galega. Así, sinalou, o Goberno autonómico continuará cos contactos establecidos con Cabo Verde, Namibia e Perú, entre outros países.
Neste cometido, especificou a conselleira, é necesario facer ver á Unión Europea a importancia da presenza das empresas pesqueiras en terceiros países e “que o concepto de política exterior en materia de pesca ten que cambiar para adaptarse aos tempos”. Tamén é necesario, engadiu, “que a UE acepte que o apoio xurídico e o apoio á renovación dos bens das empresas mixtas é positivo para a súa economía e a dos países que reciben a inversión”. É dicir, a tendencia da internacionalización na que o sector galego é pioneiro, “debe ser reforzada dende as administracións públicas”, concluíu.
Comercialización e transformación
En relación á comercialización e a transformación, a conselleira do Mar sinalou que a Xunta traballará coas empresas destes eidos para obter un maior valor engadido dos produtos galegos e avanzar na súa venda. Ademais explicou que o Goberno autonómico apostará pola implantación no mercado europeo de certificacións públicas que acrediten a sustentabilidade da explotación dos recursos e o cumprimento dos estándares sociolaborais.
Neste apartado destacou a importancia da loita contra a pesca ilegal, non regulamentada e non documentada para reforzar a competitividade das empresas galegas. Para iso, Rosa Quintana fixo fincapé na necesidade de seguir esixindo un marco igualitario no eido do sector transformador para as empresas que comercializan no mesmo mercado e un control exhaustivo dos produtos pesqueiros e marisqueiros procedentes de mercados foráneos. O obxectivo, sinalou, é “evitar situacións de competencia desleal cos nosos produtos e garantir unha homologación de aspectos como a calidade hixiénico sanitaria”.
Para atender estes aspectos, a titular de Mar destacou o Plan da conserva e anunciou que Galicia contará cun novo plan proximamente. Tamén salientou o aporte económico do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca para que as pequenas e medianas empresas poidan modernizarse e competir libremente.