Política Social salienta o papel da xuventude como motor da construción europea

José Manuel Rey Varela na inauguración da conferencia
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, inaugurou esta mañá na capital galega unha conferencia sobre o escepticismo e a Unión Europea organizada conxuntamente pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e o municipio de Taormina, situado na rexión italiana de Sicilia, dentro do proxecto titulado ‘Valorar a voz dos cidadáns para entender o euroescepticismo. Proxecto VoicEU’. Esta iniciativa está englobada no programa ‘Europa para os cidadáns’, que reúne a cidadáns, administracións locais, expertos e representantes da sociedade civil para discutir e debater durante cinco eventos temáticos que teñen como obxectivo a comprensión do euroescepticismo.
As cidades de Santiago de Compostela e Noia acollen o primeiro destes eventos entre os días 12 e 16 deste mes. As outras citas terán lugar en Budapest (Hungría), Tallín (Estonia), Taormina (Italia) e Sofía (Bulgaria). As actividades, nas que se fai fincapé na importancia da cidadanía activa europea, así como no sostemento do compromiso dos cidadáns mediante un entendemento mutuo e sentimentos de irmandade como propagación dunha cultura de identidade europea, están programadas en base a conferencias temáticas, debates, obradoiros interactivos, seminarios, visitas, charlas, etc.
Na súa intervención, Rey Varela destacou a oportunidade desta conferencia e a temática que aborda ao coincidir coa inminente efeméride do 60 aniversario da firma dos Tratados de Roma, que supoñen o nacemento da Unión Europea; ao tempo que defendeu este “proxecto común e os valores que representa e fomenta: cooperación, o respecto aos dereitos humanos, a liberdade, a democracia, a igualdade e a solidariedade entre as nacións e os pobos”.
Ademais, o titular de Política Social salientou “a importancia que ten a cidadanía e, sobre todo a xuventude, para garantir a continuidade, a mellora e o futuro deste proxecto común”. “O motor de Europa está nos mozos e mozas, que están chamados a coller o testemuño da construción europea”, manifestou. Ao respecto, referiuse aos programas europeos dirixidos á mocidade nos que participa a Xunta de Galicia , como ‘Galeuropa’ e ‘Erasmus +’, a través dos cales máis de 1.700 rapaces e rapazas participaron en experiencias formativas nunha trintena de países de dentro e fóra da Unión Europea. “Seguiremos reforzando esteas e outras iniciativas que favorecen a mobilidade transnacional da nosa xuventude porque ademais de ampliar a súa formación, o seu coñecemento e as súa habilidades, fomentan a convivencia e o diálogo intercultural. Isto é, axudan a facer máis Europa”, concluíu Rey Varela.











