Ourense ICC Week e CIFP A Farixa organizan conxuntamente as IV xornadas “Cultura en produción”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A III edición da Semana das Industrias Culturais e Creativas, a Ourense ICC Week 2017, que organiza anualmente a Deputación de Ourense, organiza xunto co CIFP A Farixa, as IV xornadas “Cultura en produción” que, este ano levan por título “Do Super 8 á realidade virtual. 50 anos de experimentación sonora e visual”, as cales se celebrarán nunha única xornada que terá lugar o vindeiro 24 de marzo no CIFP A Farixa e contará con profesionais do sector como Ignacio Benedeti, Hevi, María Yáñez, Rubén Mil, Laura Iturralde ou o colectivo Dial.

A presentación desta cita cultural tivo lugar esta mañá no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, acto no que participou o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; o coordinador da ICC Week, Juan Rivas; e os alumnos de Produción Audiovisual e Espectáculos do CIFP A Farixa, Inma Hermida e Alexandre Corbillón.

Aurelio Gómez Villar explicou que entre as novidades da ICC Week deste ano “atópase a incorporación de alianzas con actividades que se desenvolven en Ourense como coa organización da Lan Party, porque pretendemos que a ICC Week sexa plataforma de difusión das iniciativas que se fan en Ourense no ámbito cultural e creativo”.

Nesa mesma liña, Juan Rivas dixo que “colaboramos co centro A Farixa porque consideramos que é unha proposta de relatorios brillante” e, desde a ICC Week, “apostamos claramente por este tipo de temática”. Así mesmo, o coordinador da ICC Week lembrou que xa o ano pasado “adiantámonos ao tema estrela todo 2016 e este 2017 “A Realidade Virtual”, cun relator de luxo en La Molinera como Edgar Martin Blas”.

Esta xornada enmarcada na programación do Ciclo de Produción Audiovisual e Espectáculos do CIFP A Farixa, como unha práctica na que o desenvolvemento e a xestión corren por conta do alumnado, ofrécenos a posibilidade de interactuar con profesionais en activo e afrontar a produción dun evento en condicións reais”, salientou Inma Hermida.

“Estas xornadas lévanse a realizar catro anos no CIFP A Farixa pero este ano os relatorios concéntranse nun mesmo día e acollerá a un número maior de asistentes en comparación con outros anos, así o evento terá máis repercusión grazas a que tamén coincide coa presentación da ICC Week”, explicou Alexandre Corbillón.

Nesta actividade darase a coñecer a evolución do mundo da imaxe e do son desde os seus inicios ata a actualidade. “Queremos que esta iniciativa serva como ferramenta dinamizadora e como punto de encontro de profesionais de diferentes áreas do sector, do que nun futuro, nós tamén traballaremos”, engadiu Alexandre Corbillón.

As xornadas están dirixidas ao alumnado de Formación Profesional dos ciclos da rama de imaxe e son, estudantes de Ciencias da Comunicación, estudantes de Arte, e público en xeral. Os interesados en asistir poderán anotarse na páxina web www.farixa.es.

7 de marzo de 2017 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.