publicidade hoxe

Os escolares do CEIP Noalla Telleiro aprenden en que consiste a compostaxe mentres xogan

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSanxenxo
A-
A+

Rapaces e rapazas do CEIP Noalla Telleiro están a participar nos obradoiros organizados pola Deputación e o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) para aprender xogando en que consiste a compostaxe. Este luns os máis pequenos do centro –Infantil- realizaron unha actividade baixo o título ‘Quen vive aí?’, na que identificaron os invertebrados presentes no composteiro (cochiniñas, bichiños bola, cadelas de frade… ) e coñeceron a súa importancia no proceso.

Esta actividade de identificar os vermes que axudan a facer o compost foi precedida, a primeiros do pasado mes, da posta en marcha dun pequeno composteiro no colexio. Agora, cando xa pasaron varias semanas, o proceso de descomposición do lixo orgánico está en plena actividade, polo que os nenos e nenas puideron ver facilmente os vermes coa axuda de sinxelos capturadores de fauna, material de aumento e chaves dicotómicas.

Os seguintes en participar en obradoiros de compostaxe no CEIP Noalla Telleiro serán as alumnas e alumnos do primeiro ciclo de Primaria, que realizarán diferentes xogos sobre residuos. Entre eles destaca o ‘Xogo da miñoca’, unha variación do xogo da oca na que, formando equipos, terán que resolver unha serie de probas e preguntas sobre compostaxe (sobre que tipo de elementos se poden botar na composteira, como se produce o proceso, ou que pasos hai que dar para chegar a ter un bo compost). Polo medio da proba haberá que pasar algúns contratempos como, por exemplo, atrasar casiñas ou pasar xogadas sen tirar cada vez que se caía na icona de accións irreparables para a compostaxe, como son a aportación de pintura ou medicamentos á composteira, esquecer pechar a tapa…

Ata o de agora, o profesorado do CEIP Noalla Telleiro xa participou nunha xornada de formación, na que se incidiu en que a xestión de residuos é un dos principais problemas ambientais aos que diariamente se teñen que enfrontar os concellos. Tamén se destacou a importancia da colaboración da poboación para reducir os elevados custes da recollida e tratamento dos residuos, separando e levando a materia orgánica aos composteiros individuais ou colectivos.

Ademais, os alumnos de segundo e terceiro ciclo de Primaria axudaron tamén a poñer en marcha o composteiro do centro, e participaron na charla ‘A voltas coa compostaxe’, un achegamento ao tema do lixo doméstico (tipoloxía, volume e precaucións), a súa xestión e tratamento, así como sobre o proceso de compostaxe da fracción orgánica a través tamén de material audiovisual e complementario. Houbo tamén unha exposición didáctica itinerante na que se explicaron os principais conceptos.

A intención dos obradoiros organizados pola Deputación e o CEIDA no marco do Plan Revitaliza é concienciar tanto á comunidade docente como ao alumnado da problemática dos residuos, acadar un cambio de actitudes e responsabilidade na separación do lixo orgánico doméstico, obter un compromiso persoal ante a redución dese lixo e co uso dos composteiros, e informar sobre a importancia da compostaxe como alternativa necesaria, ao ser máis económica e ecolóxica que os tratamentos actuais.

6 de marzo de 2017 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.