publicidade hoxe

Os alumnos do colexio San José-Josefinas protagonizan un Pleno Infantil no Pazo Provincial de Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Pleno infantil

Pleno infantil

O Salón de Plenos da Deputación de Ourense acolleu esta mañá a medio cento de alumnos e profesores de Educación Primaria do Colexio San José-Josefinas, quen protagonizaron xunto ao presidente da Deputación, Manuel Baltar, e aos deputados provinciais Montserrat Lama e Manuel Doval, un pleno infantil no que se aprobou “por maioría” unha moción relativa ao fomento do deporte de remo na provincia de Ourense.

O presidente da Deputación de Ourense destacou a importancia de levar a cabo este tipo de eventos que “achegan a institución aos nenos e nenas de Ourense, posto que estamos a traballar para que se identifiquen con esta administración e para que se sentan orgullosos de ser de Ourense”.

Os alumnos explicaron que como “coñecedores de que todos os anos nos visitan grandes deportistas internacionais que se dedican ao Remo, cremos que a nosa provincia ten uns paraxes idóneos para a práctica deste deporte”. Por elo, o alumnado propuxo que a Deputación de Ourense “organizase algunha excursión con alumnos de colexios da provincia, para coñecer de cerca este deporte e poder compartir experiencias cos grandes deportistas internacionais desta modalidade”.

Nese mesmo senso, Manuel Baltar lembrou que hai un días visitou no Centro de Adestramento de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño “á Selección Romanesa de remo medallista nos Xogos Olímpicos de Río que repiten concentración no CERLAC, en Laias”, e destacou a idoneidade de Ourense para acoller “á seleccións internacionais que veñen aquí para prepararse nas modalidades deportivas de remo e piragüismo”.

Así mesmo, o presidente da Deputación de Ourense explicoulles as actuacións que leva a cabo o goberno provincial nos diferentes ámbitos da cultura, do deporte, do termalismo, da cooperación cos concellos e do medio ambiente. Baltar tamén mencionou a visita ás instalacións da empresa tecnolóxica Egatel, no Parque Tecnolóxico de Galicia, compañía punteira en innovación.

Na quenda de preguntas ao presidente do goberno provincial, os nenos preocupáronse por coñecer os servizos que ofrece a Deputación de Ourense aos cidadáns e aos concellos da provincia, o labor que realizan os deputados provinciais e o funcionamento do Salón de Plenos nas sesións plenarias. Ao remate do pleno, cada alumno foi agasallado cunha medalla acreditativa da visita e tres libros da “Semana Escolar da Provincia”, referidos á historia da institución, o patrimonio provincial e o patrimonio natural da provincia de Ourense.

9 de marzo de 2017 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.