publicidade hoxe

O programa ‘ALT Procrea’ pon en valor a creación escénica en feminino

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Presentación do programa 'ALT Procrea en Feminino 2017'

Presentación do programa ‘ALT Procrea en Feminino 2017’

O programa ‘ALT Procrea en Feminino 2017’ de apoio e acompañamento para creadoras galegas no seu proceso creativo ofrecerá a estrea absoluta da peza de Begoña Cuquejo ‘Bailarina hipnótica’ e a presentación do traballo no que se basea: ‘Bailarina’, da coreógrafa catalá Sonia Gómez.

As dúas artistas participaron hoxe na rolda de prensa na que se deu a coñecer o programa, que se celebra do 10 ao 12 de marzo en Vigo co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Durante a presentación, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asegurou que “o da cultura constitúe un ámbito fundamental de promoción a prol da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, nomeadamente o sector das artes escénicas, que ten no Festival ALT un escaparate de referencia”.

Unha plataforma para a difusión artística

No acto, no que tamén participou o delegado da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, Anxo Lorenzo destacou o labor impulsado por ALT Procrea para poñer en valor o talento creativo das artistas que participan neste singular programa de apoio e de acompañamento para creadoras galegas en todas as etapas do seu proceso creativo.

Con este obxectivo, o programa “vén poñendo ao dispor das participantes materiais para facilitar o desenvolvemento dos seus traballos, vén ofrecendo asesoramento para axudar na materialización das súas propostas e tamén vén poñendo ao seu dispor plataformas de creación e de difusión que lles permitan dar a coñecer os seus proxectos tanto dentro como fóra do noso territorio”, afirmou Anxo Lorenzo, ao tempo que se referiu á “oportunidade que brinda este programa para o intercambio cultural entre as propostas escénicas que se están a xestar en Galicia e as que se están a desenvolver noutros puntos do Estado”.

Inmersión e transmisión coreográfica

A rolda de prensa, na que tamén participaron Lola Correa, directora do festival ALT, xunto con Anabel González Penín, directora da Unidade de Igualdade da UVigo, que tamén colabora co programa, e a artista canaria Celeste González, tivo lugar no MARCO de Vigo, onde a bailarina e coreógrafa catalá Sonia Gómez presentará mañá, 10 de marzo, ás 19:00 horas, o seu traballo ‘Bailarina’, ao que seguirá a estrea da peza ‘Bailarina Hipnótica, de Begoña Cuquejo. O proxecto da artista galega é o resultado dun traballo de inmersión e de transmisión coreográfica baseado na peza de Sonia Gómez, quen foi acompañando o proceso creativo de Cuquejo ao longo de medio ano.

O programa tamén presentará no MARCO, o día 11, ás 20:00 horas, a peza ‘Sujeto visible – sujeto invisible’, na que a creadora Masu Fajardo constrúe unha metáfora baseada na dualidade do visible e do invisible. Ao día seguinte será a quenda da artista Celeste González co encontro de pensamento arredor da danza e do cine ‘Weakfield Poole: visiones y revisiones’.

A través da Secretaría Xeral de Cultura e da Axencia Galega das Industrias Culturais, a Consellería de Cultura e Educación colabora co festival ALT, na que será a súa última edición –segundo anunciaron os organizadores–, e na que tamén contará co espectáculo de Matarile Teatro ‘Antes de la metralla’ e co espazo gastronómico ‘La cuina furtiva’.

9 de marzo de 2017 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.