O Plan de Transporte Metropolitano permitiu que se bonificasen 14 millóns de billetes na comunidade galega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Ethel Vázquez na clausura do congreso "Carril Bus"

Ethel Vázquez na clausura do congreso “Carril Bus”

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, participou hoxe na clausura do congreso ‘Carril Bus’, onde destacou que a Xunta segue apostando con forza por iniciativas que promovan o uso do transporte público como o Plan de Transporte Metropolitano, un plan social que en 2016 permitiu que se bonificasen 14 millóns de billetes en Galicia, reportando beneficios aos veciños das áreas da Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago e Vigo.

Vázquez Mourelle indicou que este programa lle supón aos usuarios frecuentes aforros medios de 600 euros ao ano, que incluso poden chegar aos 1.000 en caso de que tamén empreguen o bus urbano.

O Executivo autonómico mellorou e ampliou o citado programa con iniciativas como a Tarxeta Xente Nova, que permite que a día de hoxe máis de 33.000 menores de 19 anos teñan transporte metropolitano interurbano gratis.

O Goberno galego continúa a traballar para expandir este modelo e estender os seus beneficios a aquelas áreas onde non está implantado, como é o caso de Ourense e de Pontevedra e tamén para amplialo e levalo a máis concellos.

Reordenación e modernización

Vázquez Mourelle subliñou que esta lexislatura será a do transporte, xa que a Xunta dedicará todos os seus esforzos co obxectivo de que Galicia dispoña de servizos públicos competitivos e eficientes, que respondan ás demandas e necesidades con garantías tamén para as empresas. Neste sentido, precisou que o Executivo autonómico aprobou en xullo unha lei que marca a folla de ruta a seguir para acometer a reordenación e modernización do sistema de transporte público. Trátase de levar o autobús, o microbús ou o taxi alí onde sexa preciso e cando sexa preciso.

O Goberno galego está a traballar nesa folla de ruta que garantirá unha mellor cobertura territorial do transporte público, especialmente no rural, coa incorporación de sistemas de reserva como o transporte baixo demanda. Para iso, a conselleira indicou que o seu departamento convocará ás diferentes federacións de transporte para sumar esforzos da Administración e o propio sector coa fin de ofrecer aos veciños un servizo de calidade.

A conselleira concretou que se están destinando un total de 2,5 millóns de euros á reformulación do mapa de servizos. Engadiu que xa se iniciaron os estudos destinados á planificación do novo mapa de servizos de pasaxeiros en seis ámbitos territoriais de Galicia. Estes estudos definirán o novo mapa de transporte que se comezará a implantar en agosto de 2017 e posibilitarán a introdución progresiva de novas solucións e melloras na prestación dos servizos.

Nunha segunda fase, con horizonte temporal de finais de 2019, concretarase e aprobarase o Plan de Transporte Público de Galicia e completarase o novo mapa de transporte para dar resposta ás necesidades actuais e potenciais dos galegos, cos novos servizos plenamente operativos e as novas tecnoloxías totalmente implantadas.

9 de marzo de 2017 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.