publicidade hoxe

O Pazo de San Marcos acolle a exposición colectiva “#Pasaxeiras. O Cotián como unha viaxe irrepetible” ata o 31 de marzo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, inaugurou este luns a mostra #Pasaxeiras. O cotián como unha viaxe irrepetible que estará exposta ata o 31 de marzo na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos. Fíxoo xunto aos autores desta exposición Aymará Ghiglione, Marta Paz, Laura Pernás, Roge Fernández, José Lemur e Beatriz Asorey.

García Porto subliñou que “é un pracer poder acoller no Pazo de San Marcos esta mostra colectiva que nos invita a facer unha viaxe a través de diferentes disciplinas artísticas; pintura, vídeo, fotografía ou música e reflexionar sobre a vida a través do anonimato dunha viaxe de tren. Dende o Goberno da Deputación programamos durante todo o ano este tipo de actividades e proxectos para pór en valor e difundir o traballo de artistas galegos”.

#Pasaxeiras. O Cotián como unha viaxe irrepetible conta con 16 fotografías de Aymará Ghiglione acompañadas de 12 cadros realizados pola artista Marta Paz, quen traslada as imaxes dixitais ao lenzo, dándolle unha vida diferente e un novo significado. A exposición inclúe pezas audiovisuais de José Lemur, Roge Fernández, nas que se transmite a experiencia dunha viaxe en tren, recreando sons e imaxes. A mostra complétase cunha serie de microrrelatos (Helena Villar, Luz Darriba, Rocío Fraga, Ángela Triana, Pablo Gallo, Kike Ganso, Lucía Aldao, Manolo Barreiro, Mabel Montes, Nieves Neira, Luís Valle, Rubén Panete) inspirados nos protagonistas anónimos das fotos e cunha peza audiovisual de caracter intimista de Laura Pernás. O deseño expositivo realizado por Beatriz Asorey xoga coa creación de atmosferas que axudan á inmersión e fagan partícipe ao público.

O horario para visitar a exposición é de luns a venres de 11:00 a 14:00 e de 17:30 a 20:30 horas. Sábados de 10:30 a 14:00 e de 16:30 e 20:00 horas. Domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.

De Passengers a Pasaxeiras

#Pasaxeiras. O Cotián como unha viaxe irrepetible é un proxecto colectivo que ten a súa orixe nunha serie de fotografías tomadas por Aymará Ghiglione no tren. Co seu teléfono móbil, Aymará retratou durante meses aos viaxeiros e viaxeiras que a acompañaban no seu percorrido diario de ida e volta en tren de Coruña a Santiago de Compostela. Estas fotos eran subidas á rede social Instagram co hashtag #Passengers, tras o cal existe unha comunidade internacional de fotógrafos e fotógrafas que retratan a vida nos medios de transporte público.

Coa intención de poñer de manifesto o carácter crítico e permanente que as imaxes posúen nace esta exposición na que participan seis artistas provenientes de disciplinas tan variadas como a pintura, o audiovisual, a literatura ou a música e que parten destas imaxes para crear un mundo imaxinario, onde render unha homenaxe a estas persoas anónimas.

1 de marzo de 2017 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.