publicidade hoxe

O Consorcio Casco Vello de Vigo adquirirá dous inmobles máis na Praza do Berbés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta e presidente do Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), Ignacio López-Chaves, compareceu hoxe en rolda de prensa para informar dos asuntos tratados no Consello de Administración do organismo, participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello de Vigo.

Na reunión celebrada esta mañá, deuse conta do orzamento aprobado para este ano e tratouse a situación de novas adquisicións na Praza do Berbés. Así, coma informou o delegado, xa se está a rematar a tramitación para adquirir 2 novos inmobles en dita praza. É máis, especificou que as negociacións xa están “moi avanzadas”. “É un proceso complexo porque estamos a traballar nun BIC pero a intención do Consorcio, e así se manifestou na reunión de hoxe, é que hai vontade e negociacións para adquirir dous edificios máis que se destinarán a usos institucionais ou a vivendas”, explicou López-Chaves.

Deste xeito, sumaranse aos outros 4 edificios que o CCVV xa adquiriu nos últimos anos no número 5 da Ribeira do Berbés e nos números 11, 13 e 15 que se cederon á Universidade de Vigo para que constrúa a súa sede institucional e centro de linguas.

Plan de Transporte Metropolitano

O delegado falou tamén na rolda de prensa posterior ao Consello de Administración do CCVV sobre a situación actual do Concello de Vigo respecto ao Plan de Transporte Metropolitano. Neste senso, e tras as últimas declaracións feitas polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, esperou que “non estea a preparar a súa espantada” do PTM.

Porén, considerou que polas súas “declaracións e manobras parece que está a preparar a súa saída”, considerou, explicando a continuación que foi o rexedor vigués “o que pediu que foramos ao Contencioso. Estaremos ao que se resolva”, sinalou López-Chaves.

Estación intermodal

Por último, o delegado tamén se referiu á situación na que se atopa o proxecto da estación intermodal lembrando que a día de hoxe non se iniciou o trámite de información pública porque o anuncio aínda non saíu publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP), requisito ao que obriga a Lei 3/2016 para dar comezo ao período de exposición pública. “Toda a tramitación para garantir a seguridade xurídica é a través da Lei 3/2016”, insistiu.

Así, precisou que o Concello de Vigo conta con toda a documentación para levar a cabo ese trámite dende o pasado 8 de febreiro pero, a día de hoxe, aínda non se iniciou o procedemento público, polo que lle pediu “axilidade”. “É un trámite imprescindible para continuar”, dixo. E especificou que isto supón un “retraso” en toda a tramitación do complexo porque “pasaron 23 días e non foi capaz de publicar o anuncio”. “Tarda máis o Concello en tramitar o envío do anuncio ao BOP que o propio prazo de exposición pública”, comparou.

Segundo a Lei 3/2016, o Concello de Vigo debe someter o expediente a información pública durante un prazo de 20 días e emitir informe preceptivo e vinculante no prazo dos 10 días seguintes. Compre lembrar que a Xunta de Galicia deu solucións ao problema urbanístico da cidade despois de que o Tribunal Supremo anulara o Plan Xeral co impulso e aprobación da Lei 3/2016 para o desenvolvemento urbanístico de proxectos de especial interese público.

2 de marzo de 2017 | 17:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.