O conselleiro de Política Social reúnese co alcade de As Somozas para analizar as necesidades do municipio

José Manuel Rey Varela na reunión co alcalde das Somozas
O conselleiro de Política Social, Jose Manuel Rey Varela insistiu este mediodía en que o diálogo, a colaboración e a coordinación entre administracións é o mellor xeito de garantir unhas políticas sociais que verdadeiramente redunden na mellora da calidade de vida dos galegos e galegas. Por elo, hoxe mantivo unha reunión de traballo co alcalde de As Somozas, Juan Alonso Tembrás.
Esta reunión enmárcase na rolda de contactos cos rexedores e rexedoras de Galicia que desde a súa chegada á Consellería está a manter Rey Varela coa finalidade de coñecer de primeira man a situación e as necesidades que teñen neste ámbito os concellos galegos.
Nesta liña, o dirixente autonómico e o local fixeron un repaso dos principais programas e infraestruturas en materia social que se están a desenvolver na localidade coruñesa. Así, lembraron o incremento de 206 horas mensuais no Servizo de axuda no fogar dependencia, grazas ao cal se está a prestar 8.124 horas anuais de servizo a quen máis o precisa.
Así mesmo, Rey Varela e Alonso Tembrás tamén abordaron a posibilidade de explorar novas vías de colaboración tanto en materia de atención á infancia como de maiores para a mellora da carteira de servizos sociais que existe na actualidade en As Somozas.