publicidade hoxe

Melide saca a licitación tres obras financiadas polo PAI

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaMelide
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe o anuncio de licitación de tres proxectos que financia o Plan de Aforro e Investimentos (PAI) da Deputación no concello de Melide. En total, a institución provincial destina 251.421 euros a estes proxectos que consistirán na reforma da Praza de Abastos, a pavimentación da rúa Grupo Sindical e o traslado das pistas de padel do Parque Rosalía de Castro.
O proxecto de reforma da Praza de Abastos licitase por 99.733 euros. As obras consistirán na posta en valor do espazo, que forma parte da rede viaria do casco histórico de Melide, e polo que discorren habitualmente os peregrinos para acceder aos albergues.

O proxecto pretende adecuar a praza á estética de rúas anexas coma a de San Antón. Para elo, disporase un plano continuo de lousa de granito nas proximidades das edificacións, a modo de beirarrúa, e adoquíns de granito no centro da praza para favorecer o tránsito rodado. O pavimentos substituiranse completamente, dotándoos de maior calidade técnica e medioambiental.

Ademais, executarase unha rede separativa de saneamento e de pluviais e soterrarase todo o tendido de subministro eléctrico, de iluminación pública e de telecomunicacións, o que mellorará a seguridade e o aspecto estético dos edificios.

Por último, disporanse varios árbores, bancos e outro mobiliario urbano e renovarase o sistema de alumeado para adecuar a praza de abastos ao plan de actuación para potenciar a imaxe corporativa da Mancomunidade de Municipios Galegos do Camiño Francés.

Por outra banda, outro vial do centro melidense, a rúa Grupo Sindical, reformarase cunha achega de 34.415 euros do PAI. Actuarase nunha superficie total de 2.165 metros cadrados, co obxectivo de reparar o firme en mal estado, debido ao desgaste e a numerosos baches.

Os traballos inclúen a limpeza da superficie e das cunetas, para posteriormente proceder á apertura de varias zanxas, onde se instalarán as tubaxes para saneamento e recollida de augas pluviais.
O firme repararse con aglomerado en quente e dobre tratamento superficial e pintaranse bandas transversais, sinais de tráfico e outras marcas viarias.

Nova área de ocio nas inmediacións da piscina

A Deputación destina 117.273 euros, a achega máis alta do PAI, ao traslado das dúas pistas de pádel do Parque de Rosalía, que se emprazarán no lateral suroeste da piscina municipal.
Os fondos provinciais cubrirán os custos do desmontado, o levantado dos pavimentos e a demolición das escaleiras, deixando o espazo libre para utilizalo coma zona de xogos infantís.
Posteriormente, instalaranse as pistas ao carón das situadas dentro do recinto ferial, e crearase un novo espazo de ocio na zona verde exterior. Os fondos da Deputación permitirán instalar novos elementos de xogo infantil, ademais dunha fonte adaptada a persoas con mobilidade reducida, unha papeleira e un banco.

As novas pistas de pádel terán un pavimento especial composto por céspede artificial de polipropileno, tratada contra os raios UV, instalado sobre unha soleira de formigón e unha capa de arena sílice. Así mesmo, crearanse accesos aos recintos deportivos con adoquíns de granito.

14 de marzo de 2017 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.