Marnotes destaca o apoio da Xunta ao emprego inclusivo a través dunha formación orientada aos novos perfís profesionais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Alfonso Marnotes na apertura do obradoiro

Alfonso Marnotes na apertura do obradoiro

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou hoxe en Santiago na apertura do obradoiro Coaching e marca persoal para persoas xordas, un taller que forma parte dun Programa Integrado de Emprego apoiado pola Xunta e que promove a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg).

No taller que tivo lugar hoxe participaron 10 alumnos e alumnas dos concellos de Santiago, Ames, A Estrada e da comarca da Barbanza. O programa integrado que está a desenvolver a Federación está dirixido a 120 persoas xordas desempregadas inscritas nas oficinas de emprego. O obxectivo é que un mínimo do 40% dos participantes atopen un traballo na empresa ordinaria.

Marnotes salientou o apoio da Administración autonómica ao emprego inclusivo a través de diversas ferramentas entre as que destacou a aposta por unha formación orientada aos novos perfís profesionais para incrementar as oportunidades laborais das persoas que máis o precisen.

Neste senso, o director xeral indicou a necesidade de impulsar unha maior formación entre estas persoas para que as súas capacidades e habilidades se poidan adaptar ás demandas que están a fixar sectores estratéxicos e emerxentes da nova economía e de seguir consolidando o labor desenvolvida polos Centros Especiais de Emprego para incrementar o seu número e, polo tanto, os empregos asociados ao seu traballo.

Marnotes, ademais, puxo en valor os programas integrados de emprego dirixidos ás entidades sen ánimo de lucro que a Xunta financia, como o que está a desenvolver a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, co fin de que poidan mellorar a inserción laboral dos colectivos máis vulnerables por medio de itinerarios especializados. Estes plans, que teñen que acadar como mínimo a inserción dun 30% dos seus participantes, combinan accións de diversa natureza: orientación e asesoramento, formación e prácticas laborais.

A Xunta puxo en marcha o pasado ano 49 Programas Integrados de Emprego dirixidos tanto aos concellos como ás entidades sen ánimo de lucro dos que se están a beneficiar 3.500 persoas sen emprego. Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu preto dun 21% máis do orzamento que en 2015.

O director xeral indicou, ademais, que o Goberno galego a través da Axenda 20 está a traballar polo emprego inclusivo para construír “unha Galicia máis xusta, solidaria e equitativa” resaltando o compromiso da Xunta coa discapacidade e o apoio ao emprego inclusivo.

Así mesmo, resaltou a importancia de traballar para que as empresas ordinarias sigan a contratar a persoas con capacidades diferentes. “Temos que converter en algo normal que unha empresa ordinaria contrate a persoas con discapacidade e que todos xuntos, coa formación, co labor dos centros especiais e das empresas ordinarias academos esa verdadeira integración laboral e a plena igualdade de dereitos e oportunidades”.

Por último, o director xeral apuntou que a colaboración da Xunta coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (Faxpg) é un exemplo da aposta por unha cultura da integración, que implica o traballo conxunto tanto das administracións como das empresas e da sociedade civil.

7 de marzo de 2017 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.