Marisol Díaz Mouteira clausura o obradoiro ‘Caldelas II’ que formou e deu traballo a 20 desempregados
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe en castro Caldelas na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego Caldelas II que promoven os concellos de Castro Caldelas, A Teixeira, Montederramo, San Xoán de Río e Chandrexa de Queixa.
No acto, Díaz Mouteira puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que, segundo apuntou, incrementan a inserción no mercado de traballo dos seus participantes. Neste caso, os alumnos e alumnas terán a partir de agora máis oportunidades para atopar un emprego en xardinería e atención sociocomunitaria en institucións.
Na visita Marisol Díaz coñeceu os labores que desenvolveu o alumnado desta iniciativa de emprego que contou cun investimento do departamento autonómico dirixido por Francisco Conde de preto de 180.000 euros.
Os 20 alumnos que se formaron e traballaron neste obradoiro realizaron labores de albanelería e xardinería en distintas zonas dos concellos promotores. Entre outras actuacións, limparon, axardinaron e acondicionaron a praza da Lama da Abeleda,na Teixeira; área da Mogainza, en Montederramo; e as fontes de Donecelle, As Ribadas, Cambela e San Miguel, en San Xoán de Río; así como distintos traballos de roza e recuperación de rutas de senderismo no municipio de Castro Caldelas e nos lugares de Celeiros e Queixeliña pertencentes ao concello de Chandrexa de Queixa.
Díaz Mouteira informou de que permanece aberto o prazo para presentar as solicitudes para a convocatoria de axudas para os obradoiros de emprego ordinarios á que este ano a Xunta destina un total de 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que na convocatoria inicial anterior. A máxima representante do Goberno galego en Ourense explicou que este ano se inclúen diversas novidades como é que a partir de agora se valorará a relación da iniciativa co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción.
Ademais, ampliarase a duración ata os 9 meses, os concellos resultantes de fusións contarán con maior puntuación, primaranse os proxectos relacionados coa Industria 4.0 e os sectores estratéxicos e terán preferencia as persoas e colectivos que máis o precisen.
A delegada territorial expuxo as vantaxes que supoñen os obradoiros de emprego como é a súa contribución a fixar poboación no rural e destacou que os obradoiros, ademais de ofrecer unha formación de calidade e un acceso a un emprego cun contrato fomentan a colaboración institucional. “A formación é a chave que pode abrir oportunidades de cara ao futuro no eido laboral”, indicou, ao tempo que asegurou que “ninguén coñece mellor que os concellos as demandas e necesidades dos cidadáns, as obras e servizos máis necesarios e as oportunidades de emprego de cada zona”.