Francisco Conde avalía cos empresarios de Lugo as axudas para favorecer o emprendemento e crear novas oportunidades industriais
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe unha xuntanza cos empresarios de Lugo para avaliar as axudas e servizos da Xunta para favorecer o emprendemento local e crear novas oportunidades industriais para dinamizar o tecido empresarial da provincia. Na reunión, que forma parte dunha rolda de contactos nas catro provincias galegas, o titular de Economía escoitou as propostas do empresariado e apelou a “continuar cun diálogo permanente para afrontar xuntos o camiño da consolidación da economía”.
Conde salientou entre as axudas e servizos dos que dispón a Administración autonómica para axudar ao empresariado a poñer en marcha os seus proxectos, as ferramentas incluídas na nova Estratexia Autónomo 2020 á que a Xunta dedicará 40 millóns de euros ao ano para beneficiar a 10.000 traballadores. Trátase de facilitar a incorporación de novos autónomos, mellorar a conciliación e favorecer o relevo xeracional.
Neste senso, avanzou que nos próximos días activaranse xa preto de 20 millóns para promover o traballo autónomo e consolidalo con incentivos á contratación indefinida. Por un lado, apoiarase cunha contía base de 2.000 euros o inicio de actividade e, como novidade este ano, non será preciso un investimento mínimo. Esta axuda será do dobre, de 4.000 euros, e tamén sen investimento para menores de 30 anos. Con respecto aos incentivos á contratación indefinida, as axudas mínimas para apoiar ao primeiro traballador pasarán de 4.000 a 5.000 euros e de 5.000 a 6.000 euros para o segundo e terceiro. A Xunta só no ano 2016 apoiou con preto de 2 millóns de euros a máis de 325 autónomos lucenses.
O titular de Economía referiuse, ademais, aos apoios que forman parte do Plan de captación de novos investimentos co que se impulsará a Oficina Doing Business; á Lei de fomento de implantación empresarial e asinarase neste eido un convenio coa Fegamp.
Así mesmo, puxo en valor as axudas á internacionalización con 8 millóns de euros para beneficiar a 500 pemes e o investimento que se realizará nos próximos dous anos a través da Axenda Industria 4.0. Serán 175 millóns de euros que se suman aos 143,3 destinados entre 2015 e 2016, centrándose sobre todo na fábrica intelixente.
Subliñou que a diferenciación de Galicia ten que vir pola innovación e o talento, impulsando os sectores tradicionais e outros emerxentes, sinalando en Lugo o impulso á biotecnoloxía ou ao polo tecnolóxico e industrial de Rozas, centrado na aeronáutica.
Sector forestal
Por último, o conselleiro resaltou o impulso ao sector forestal que a Xunta dará a través da Axencia Galega da Industria Forestal coa que se pretende lograr unha maior presenza da madeira na automoción, aeronáutica e naval; incrementar os apoios á I+D+i; e promover a Estratexia da Biomasa.
Todas estas ferramentas complétanse con medidas para fomentar o emprendemento e a formación no rural cun novo Plan específico neste ámbito que vén de activar a Consellería de Economía, Emprego e Industria con 30 millóns de euros. Entre as axudas que se inclúen nesta iniciativa, Conde puxo en valor o programa Galicia Rural Emprende para promover a diversificación e creación de novas empresas non agrícolas no rural. A actuación contén unha axuda básica de 20.000 euros que poderá incrementarse ata un máximo de 70.000.
Outra medida innovadora deste Plan específico de formación e emprendemento no rural é a Formación á porta coa que se acercará ata os concellos que non conten con centros homologados as actuacións necesarias para obter certificados de profesionalidade centrados nas oportunidades de colocación desas zonas.











