publicidade hoxe

Francisco Conde apela aos emprendedores como clave para romper con calquera inercia no tecido empresarial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+
Francisco Conde na clausura do espazo coworking de Ferrol

Francisco Conde na clausura do espazo coworking de Ferrol

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, apelou hoxe aos emprendedores como unha das pezas clave para romper con calquera signo de inercia no tecido empresarial. Así o manifestou na clausura do espazo coworking de Ferrol, que a Xunta organiza en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI), e no que participaron un total de 20 persoas.

O titular de Economía, Emprego e Industria apuntou que a este programa de emprendemento se presentaron 18 proxectos relacionados co turismo, a ecoloxía, a fibra óptica ou os drons, entre outros, cunha cualidade diferenciadora en cada un deles, dixo, a innovación : “Xunto coa aposta polo sector naval o obxectivo é impulsar tamén a diversificación na comarca de Ferrolterra, así xurdiron proxectos con puxanza noutros sectores e neste camiño traballaremos en vindeiras edicións”, apuntou o conselleiro.

Conde explicou que o de Ferrol é un dos 7 espazos coworking que a Xunta puxo en marcha o pasado ano coa colaboración da Escola de Organización Industrial para ser a lanzadeira en Galicia de 139 emprendedores e emprendedoras e dun total de 119 proxectos profesionais. Concretamente, na provincia da Coruña, desenvolvéronse dous máis nos concellos de Cabana de Bergantiños e de Santiago. Todos eles, son parte dunha rede de aceleradoras nas que a Xunta leva investidos 12 millóns de euros e que permitiron impulsar máis de 500 proxectos nos últimos catro anos.

Segundo precisou, a primeira edición desta iniciativa, que estes días se está a clausurar, resultou moi exitosa, polo que que ata o 10 abril xa está aberto o prazo dunha segunda convocatoria para todas aquelas persoas que queiran presentar a súa solicitude: “Este espazo ten vontade de permanencia como unha oportunidade para todos os emprendedores da comarca para definir os seus proxectos e como levalos ao mercado. Aquí atopan todas as respostas ás súas preguntas, orientación e solución a temas de comercialización, financiamento ou imaxe coa finalidade de que as súas propostas sexan sostibles”, asegurou o conselleiro.

Nesta liña, sinalou que os espazos coworking son unha mostra do importante que é para a Xunta facilitar o emprendemento e axudar a aquelas persoas que se decidan a iniciar un negocio. Achegan a parte de asesoramento imprescindible para dar forma a un proxecto, dixo, ao que logo se suman outros recursos a nivel administrativo que a Xunta pon ao alcance dos emprendedores, como a eliminación da licenza previa para abrir un negocio; deducións fiscais e instrumentos de apoio ao investimento; ou a Unidade Galicia Emprende e a Oficina Doing Business para o asesoramento na tramitación administrativa.

A innovación levada á industria

Conde destacou que Ferrol é un exemplo claro do que significa a innovación levada á industria, concretamente ao sector naval. E ao respecto, asegurou que no despegue deste sector tivo moito que ver o modo en que Navantia se está posicionando ante os novos retos tecnolóxicos.

É o caso da Unidade Mixta de Investigación que está a desenvolver en colaboración coa Universidade da Coruña e a Xunta (a través da Axencia Galega de Innovación); unha unidade que mobilizará 2,3 millóns de euros, e que ten como obxectivo aumentar a produtividade do sector e integrar a dixitalización nos procesos de fabricación para reducir tempos e custos.

Doutro lado, o espazo onde se desenvolveu o coworking de Ferrol, o Centro de Innovación e Servizos (CIS), está a ser o núcleo de desenvolvemento da nova tecnoloxía propia do estaleiro moderno —a tecnoloxía 4.0—, a través dun proxecto do que xa se está a beneficiar o conxunto do naval galego, tanto os estaleiros como a industria auxiliar.

A capacidade tecnolóxica e a experiencia están a ser as claves da recuperación deste sector, que conta xa con máis de 2.600 millóns de euros en contratos e recuperou, no último ano, ao redor de 1.000 empregos.

15 de marzo de 2017 | 17:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.