publicidade hoxe

Fene acolle a primeira das oito conferencias do ciclo “Primavera no Camiño Inglés”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFene
A-
A+

As actividades do ciclo “Primavera no Camiño”, impulsado pola Deputación da Coruña, comezan hoxe cun ciclo de conferencias divulgativas sobre a historia do Camiño Inglés e os seus múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e arquitectónicos, a cargo do xornalista Cristóbal Ramírez, presidente durante vinte anos da Asociación de Xornalistas do Camiño de Santiago e experto en divulgación das rutas xacobeas.

O ciclo, que se desenvolverá en oito municipios coruñeses polos que discorre este itinerario xacobeo, comeza esta tarde ás 19.00 horas na Casa da Cultura de Fene e continuará en Narón, Abegondo, Cambre, Betanzos, Carral, Oroso e Pontedeume, co obxecto de “divulgar os segredos desta ruta bicéfala, que conecta A Coruña e Ferrol con Santiago de Compostela e que pode percorrerse comodamente en catro días”, explicou Ramírez.

En cada unha destas conferencias distribuirase o novo material de promoción que a Deputación ven de editar específicamente para esta campaña, entre os que se inclúen folletos informativos de cada unha das etapas, nos que se describen algúns dos lugares de interese que os peregrinos atoparán durante a viaxe: bosques frondosos, praias de augas cristalinas, antigos faros e cruceiros e camiños rurais cheos de historia.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, apuntou que con esta campaña a institución provincial pretende “unir as forzas da Deputación e dos dezaoito concellos polos que pasa o Camiño Inglés” para aproveitar o “enorme potencial turístico e económico” desta antiga ruta xacobea.

Neste sentido, o deputado de Turismo, Xosé Regueira, lembrou que o apoio da Deputación ao Camiño Inglés non se circusncribe só a esta campaña, senón que a institución provincial vén desenvolvendo dende hai anos diversas accións de divulgación e mellora da ruta, que van dende a elaboración dunha auditoría sobre o seu estdado ou a mellora da sinalización á promoción da mesma en grandes eventos turísticos como Fitur.

Betanzos, epicentro do Camiño Inglés en abril

A actividade central desta campaña desenvolverase en Betanzos o vindeiro mes de abril, coa celebración dun evento no que os dezaoito concellos polos que discorre o Camiño Inglés presentarán, noutros tantos postos situados na praza García Irmáns do centro do municipio, a súa oferta turística e gastronómica.

Na feira, coa que a Deputación convetirá a Betanzos no epicentro do Camiño Inglés por un día, será posible degustar produtos típicos de cada un dos 18 municipios do Camiño Inglés e coñecer diversidade da oferta turística e cultural que ofrece o itinerario.

Calendario das charlas

Tras a conferencia desta tarde na Casa da Cultura de Fene, o ciclo continuará en Narón (venres 31 de marzo, no Pazo da Cultura), Abegondo (mércores 5 de abril, no IES de Viós), Cambre (6 de abril no Museo Arqueolóxico), Betanzos (xoves 20 de abril, no Salón Azul do Liceo), Carral (xoves 27 de abril, na Casa da Cultura), Oroso (venres 28 de abril, no Centro Cultural do Concello) e Pontedeume (venres 5 de maio, na Casa da Cultura).

22 de marzo de 2017 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.