Feijóo anuncia un novo plan para a igualdade centrado na educación, no emprego e na vida social e familiar

O presidente da Xunta na clausura da xornada
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a aprobación neste mes de marzo do VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres 2017-2020, un plan que, ademais da integración do principio de igualdade nas políticas e accións do Goberno, supón o establecemento de cinco áreas estratéxicas, entre as que destacou: a igualdade na educación e nos valores, a igualdade no emprego e innovación, a igualdade na participación e no liderado e igualdade na calidade de vida.
Así mesmo, e durante o acto de clausura da xornada Lidera, avanzando en igualdade, con motivo do Día Internacional da Muller, Feijóo anunciou a posta en marcha nesta lexislatura do I Plan galego de conciliación e corresponsabilidade, co obxectivo de repartir as tarefas e as responsabilidade, de que mulleres e homes gocen e exerzan os mesmos dereitos e responsabilidades.
Nesta liña, destacou que a Secretaría Xeral da Igualdade convoca anualmente axudas para homes que reducen a súa xornada laboral para o coidado de fillos menores de tres anos. Ao que hai que engadir as axudas para a conciliación destinadas a concellos, que o ano pasado beneficiaron a 40 municipios, e da Liña Concilia para o fomento do emprego e o emprendemento feminino.
Se ben recoñeceu que aínda queda moito por facer, o titular da Goberno galego asegurou que o éxito da Galicia libre e democrática ten moito que ver coa nova visibilidade da muller en todos os campos de actividade.
Sobre este punto, subliñou que Ana Bujaldón, Noelia Martínez Morato, Maruxa Sanmartín, Raquel Vázquez Freire, Rosa Branca Rodríguez, Eva Levy, Dácil Suárez Bolaños, Cristina Bendía, Sandra Cid, Patricia Araque, Miriam Izquierdo e Silvia Jato, lembran que Galicia ten nome de muller, “que a Galicia moderna tamén é obra de mulleres”.
Ao respecto recordou que nos diferentes éxodos que o noso país sufriu, foron as mulleres galegas as que fixeron posible que a esencia de Galicia sobrevivise, referíndose a modo de exemplo ás viúvas de vivos e mortos de Rosalía.
“E a longa noite de pedra foi menos longa, menos escura e menos pétrea, grazas a mulleres anónimas, a figuras ocultas que quereremos lembrar”, engadiu, logo de salientar tamén que tanto Rosalía de Castro como Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal tiveron en común a idea de que a loita polos dereitos da muller era unha loita polos dereitos de todo o xénero humano.
En materia de violencia de xénero, o responsable do Executivo autonómico concluíu facendo fincapé na necesidade da implicación social. “As medidas legais que se están adoptando teñen que ir acompañadas non só da sanción penal senón da sanción social contra os asasinos e maltratadores”, dixo, ao que engadiu que a soidade ten que sentila o maltratador, e non a maltratada. “O medo a ser vixiado ten que sentilo o maltratador e non a maltratada. Amigos, veciños , achegados, teñen que formar parte dun círculo protector ao redor da muller en risco, que complete a acción xudicial e policial”, abundou.