publicidade hoxe

Entrega de diplomas aos alumnos do obradoiro de emprego de xardinería e carpintería da Laracha e Arteixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaArteixo
A-
A+
Clausura do obradoiro de emprego da Laracha e Arteixo. Foto: M. Fuentes

Clausura do obradoiro de emprego da Laracha e Arteixo. Foto: M. Fuentes

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, asistiu esta mañá ao acto de clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego A Laracha-Arteixo colaborando polo emprego, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración cos concellos mencionados. O obradoiro conxunto formou, durante os últimos seis meses, a 20 alumnos-traballadores, baixo a tutela de seis profesionais que desenvolveron a súa actividade como directora, mestres e persoal administrativo. Todos eles son os encargados de desenvolver, ao longo de medio ano, diversos traballos de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes, e de carpintería e moble. Con este fin a Xunta achegou máis de 179.000 euros.

Na súa visita, o delegado estivo acompañado polos alcaldes da Laracha e Arteixo, José Manuel López Varela e Carlos Calvelo. O proxecto formativo levou a cabo ata cinco actuacións de acondicionamento e mellora doutras tantas instalacións de ambos os dous concellos. En concreto, completaron a instalación en mantemento de xardíns e zonas verdes no parque forestal de Monticaño e diversas actuacións no paseo fluvial do río Anllóns ao seu paso pola área de Gabenlle, no paseo marítimo de Caión, na praza Maximino Canedo e na fachada da piscina municipal da Laracha.

A primeiros de mes publicáronse no DOG as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego para este ano. Os proxectos que se financien ao abeiro desta convocatoria poden ser promovidos por entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración local, cuxa titularidade corresponda integramente a esta. O prazo de presentación de solicitudes aínda está aberto.

Os obradoiros de emprego configúranse como programa mixto de emprego e formación que ten por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten aos alumnos participantes a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente co dito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza a súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

Rodeiro destacou estes programas mixtos de formación e emprego porque “aportan unha formación eminentemente práctica” ao tempo que son “unha oportunidade para as persoas que se atopan nunha situación de desemprego”. Con estes obradoiros a Xunta pretende ampliar as oportunidades laborais das persoas con dificultades para o acceso ao mercado de traballo. Hoxe mesmo, os participantes recibiron un diploma que acredita tanto a experiencia formativa como a actividade laboral desenvolvida polos alumnos.

O delegado territorial lembrou que na provincia se puxeron en marcha outros 23 obradoiros de emprego e oito de Garantía Xuvenil, para menores de 30 anos, sumando 600 alumnos beneficiados e un investimento de máis de 5.300.000 euros. Rodeiro lembrou que, no conxunto da provincia, son un total de 72 concellos os que ao longo dos últimos meses desenvolveron ou están a desenvolver algunha destas iniciativas. Esta actuación forma parte da Axenda 20 para o Emprego, a folla de ruta do Goberno galego en materia laboral, e coa que se prevé crear 80.000 postos de traballo ata 2020.

Ovidio Rodeiro aproveitou a clausura para destacar o “compromiso claro de colaboración institucional da Xunta cos concellos para traballar na creación de postos de traballo no futuro”. Os obradoiros de emprego, aos que se destinan 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que a convocatoria pasada, teñen por obxecto mellorar a ocupabilidade dos desempregados mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de interese xeral ou social que lles posibilite a realización dun traballo.

Ao igual que o pasado ano, inclúense obradoiros de emprego específicos para os menores de 30 anos a través do Sistema de Garantía Xuvenil. O impulso do emprego xuvenil é unha prioridade para o Goberno galego e, por iso, a mocidade sigue sendo un colectivo prioritario para a Xunta. Primarase na vindeira convocatoria a aquelas persoas mozas que non recibiran atención anteriormente no Programa de Garantía Xuvenil.

Este ano se inclúen diversas novidades como é que a partir de agora se valorará a relación da iniciativa co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción. Ademais, ampliarase a duración ata os 9 meses, os concellos resultantes de fusións contarán con maior puntuación, primaranse os proxectos relacionados coa Industria 4.0 e os sectores estratéxicos e terán preferencia as persoas e colectivos que máis o precisen como son os beneficiarios da Renda de Integración Social, as mulleres, vítimas de violencia de xénero, os parados de longa duración, os maiores de 45 anos, alumnos que carecen de títulos universitarios ou de FP de grao superior e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. O Goberno galego prevé con esta convocatoria beneficiar a 1.600 persoas.

20 de marzo de 2017 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.