Encarnación Rivas defende o aproveitamento sustentable dos recursos preservando os valores do territorio

Encarnación Rivas na xornada informativa. Foto: X. Crespo
A directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas Díaz, explicou esta mañá que a Xunta de Galicia aposta por defender un aproveitamento sustentable dos recursos e facelos compatibles coa preservación dos valores do territorio. Así o puxo de manifesto durante a súa intervención nunha xornada sobre as novidades lexislativas recollidas no Regulamento da Lei do solo, que afectan ao sector mineiro de Galicia, onde engadiu que este é un dos obxectivos do Regulamento, aprobado tan só en seis meses despois da entrada en vigor da Lei, así como da propia Lei do solo.
A directora xeral recordou que os usos propios do solo rústico son o agropecuario, o forestal, o pesqueiro e o mineiro, e aclarou que isto non é sinónimo dun menor coidado do territorio; senón que a nova norma promove a conservación e preservación dos valores do territorio galego.
Explicou que os usos mineiros seguirán condicionados, como ata agora, ao estrito cumprimento da normativa ambiental e á autorización sectorial que debe emitir a consellería con competencias na materia.
Encarnación Rivas defendeu que o Regulamento e a Lei do Solo, que entrou en vigor en marzo do pasado ano, non supón unha renuncia á ordenación do medio rural, senón todo o contrario: considérase que os diferentes organismos que ostentan as competencias sectoriais son os que mellor poden tutelar os valores obxecto de protección do solo rústico de especial protección.
Defendeu o traballo levado a cabo polos técnicos da Dirección Xeral, que redactaron un regulamento integral, que inclúe xestión, planeamento e disciplina, unificando e modificando os tres regulamentos anteriores (dous estatais e un autonómico) e que ten dúas grandes funcionalidades: facilitar a aplicación e a consulta da Lei do Solo e clarexar a interpretación da Lei, aporta seguridade xurídica e fai un esforzo por achegar a súa comprensión.
Por último, sinalou que a Lei do solo é “unha lei práctica, sinxela e clara, que evita a hiperrregulación”, defendeu e que recolle tres obxectivos fundamentais: a ordenación territorial, o desenvolvemento rural e a protección da paisaxe.











