publicidade hoxe

Eliana Bouzas Collazo presenta en Valga o seu primeiro libro “Travesía Cebola. Diario dunha aprendizaxe”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaPontevedraValga
A-
A+
Eliana Bouzas

Eliana Bouzas

O Auditorio Municipal de Valga acolle este domingo 26 de marzo, ás 18.00 h, a presentación do primeiro libro de Eliana Bouzas Collazo. Unha obra na que, a través de catorce relatos, a autora analiza as experiencias e vivencias nas que “emoción, razón e corpo van da man”.

O acto estará aberto ao público en xeral ata completar aforo e contará coa presenza da coach Mercedes Vidal; de José María García, presidente de Adeval (Asociación para o desenvolvemento de Valga); Javier César Niño, ilustrador do libro; e a propia autora, Eliana Bouzas Collazo.

A obra

“Travesía Cebola. Diario dunha aprendizaxe” érguese como unha viaxe cara o interior do individuo, no que o proceso de aprendizaxe sobre o mesmo vai evolucionando segundo se van quitando as capas ata deixar ao descuberto o núcleo real.

A linguaxe interna, as emocións, os sentimentos e os medos que nos limitan son analizados para tratar de comprender á persoa deixando atrás ese pelello inicial para buscar “unha pel nova, unha pel que fale de quen son e quen quero ser”.

Este poemario, editado por Edicións Fervenza, está ilustrado polo polifacético Javier César Niño de Frutos, natural de Valladolid, quen cos seus deseños aporta forza visual aos relatos servíndose de imaxes que representan fielmente as emocións que vive o individuo ao longo desa viaxe interior.

A autora

Eliana Bouzas Collazo nace en Cordeiro (Valga) en 1977. A lectura permitiulle vivir outras historias mentres a escritura a levou a plasmar o seu mundo interior. Os seus primeiros relatos (inéditos) buscaban expresar a inmensidade de matices emocionais e sensacións transpiradas, ao tempo que experimentaba con temáticas tan diversas como o erotismo, a crítica social ou  o misterio.

24 de marzo de 2017 | 15:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.