Deputación e Concello de Carballo destinarán 165.000 euros á pavimentación dos viais do polígono industrial de Bértoa
A Deputación da Coruña e o Concello de Carballo investirán 164.793,25 euros na reposición da capa de rodaxe de varios viais no polígono industrial de Bértoa, no concello de Carballo.
O investimento vén de aprobarse na comisión de Plans Provinciais e Asistencia aos Concellos do pasado 23 de marzo e será sometido á ratificación do pleno provincial do vindeiro venres. O 80% do financiamento (131.834,60 euros) serán achegados pola Deputación, mentres que o 20% restante (32.958,65 €) serán de aportación municipal.
O proxecto consistirá na reparación e posterior pavimentación de varios viais na primeira fase do polígono, concretamente nas rúas Cobre (758,91 m.), Bronce (1.100 m.), Lousa (370,53 m.), Titanio (707,26 m.), Ferro (539,46 m.) e Estaño (146,67 m.), cunha superficie total de 3,62 quilómetros. O firme destas estradas atópase actualmente deteriorado debido ás obras de instalación de servizos realizadas recentemente na zona, que precisaron da apertura de zanxas transversais e lonxitudinais nas estradas; ao que se suma o desgaste ocasionado polo constante tráfico de vehículos pesados e o paso do tempo.
As obras consistirán no fresado e reparación das gretas, fisuras, fochancas e blandóns existentes nestes viais e a posterior aplicación dunha nova capa de rodaxe de mestura bituminosa en quente de 6 cm. de espesor, estendida e compactada, que axustará a rasante ás zonas contiguas en bo estado, mellorando notablemente as condicións da circulación. Así mesmo, construirase un novo tramo de beirarrúas de 26 metros de longo e 2 de ancho ao longo na rúa Titanio, mellorando tamén a seguridade peonil na zona.
Os traballos rematarán co pintado das marcas viais, pasos de cebra e límites de velocidade, e a reposición da sinalización horizontal e vertical.