publicidade hoxe

Deputación de Ourense e CEO impulsan a internacionalización das empresas de Ourense co Plan “Exportou”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Convenio da Deputación de Ourense e CEO

Convenio da Deputación de Ourense e CEO

A Deputación de Ourense e a Confederación Empresarial de Ourense impulsan a internacionalización das empresas de Ourense coa posta en marcha do Plan “Exportou”. Esta iniciativa é froito do convenio de colaboración asinado esta mañá, no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar e o presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal, co fin de trazar as liñas de actuación a levar a cabo durante o ano 2017.

A Deputación de Ourense xa ven colaborando coa CEO para desenvolver determinados proxectos e, este ano, “plantexamos este ambicioso plan de apoio á internacionalización ás empresas de Ourense, “Exportou”, para o cal o goberno provincial vai destinar unha axuda de 100.000 euros, que será aprobada na sesión plenaria correspondente ao mes de abril”, explicou Manuel Baltar.

O Plan “Exportou” pretende, a través da realización de diversas actuacións a desenvolver ao longo deste ano, apoiar a internacionalización das empresas de Ourense, “unha iniciativa que a Deputación de Ourense vén materializando nos últimos anos, como coa Misión comercial USA-Ourense, avalada polo goberno estadounidense, no ano 2016, froito das conversas que mantivemos co empresariado de Ourense”, dixo o presidente da Deputación de Ourense.

Baltar adiantou que este ano “imos poñer en marcha unha Misión Empresarial a Israel, promovida pola Deputación de Ourense, no mes de maio, froito dunha xuntanza que mantivemos no Pazo Provincial con representantes de entidades empresariais e con empresas da provincia. Trátase de levar a cabo iniciativas entre todos para xerar en Ourense un espazo de desenvolvemento económico e empresarial”.

O presidente da CEO, quen agradeceu a colaboración da Deputación de Ourense, explicou que este Plan vai dirixido a: “asesorar e acompañar ás empresas que nunca exportaron para que se inicien no camiño da internacionalización e, por outra parte, a axudar a aquelas empresas que xa están hoxe a exportar, a incrementar os seus mercados e as súas relacións no exterior”.

1 de marzo de 2017 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.