publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cores Tourís comproba a rehabilitación de Muíños realizada polo obradoiro de emprego da mancomunidade do Salnés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilanova de Arousa
A-
A+
Cores Tourís na visita aos Muíños de Currás en Vilanova de Arousa

Cores Tourís na visita aos Muíños de Currás en Vilanova de Arousa

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou os Muíños de Currás en Vilanova de Arousa, para comprobar as obras de rehabilitación realizadas polos alumnos do obradoiro de emprego da Mancomunidade do Salnés.

O delegado territorial estivo acompañado polo xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial, así como polo alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán e o xerente da Mancomunidade do Salnés, Ramón García Guinarte.

Este obradoiro ten unha duración de seis meses e o seu obxectivo foi a contratación de 20 desempregados que ademais de recibir un soldo adquiren unha formación teórico-práctica que lle permite acadar un certificado de profesionalidade co fin de obter unha mellor inserción laboral.

Deste xeito, o obradoiro “Muíños do Salnés” está dedicado a dúas especialidades: Colocación de Pedra Natural con 10 alumnos e Traballos de Carpintería e Mobles con outros 10. A aportación da administración autonómica foi de 180.000 euros e os alumnos están a levar a cabo traballos de perfeccionamento que permiten a incorporación do muíño A Besada-Simes restaurando a ruta dos muíños do concello de Meaño e a rehabilitación do muíño situado no lugar de Currás-Caleiro en Vilanova de Arousa. En Sanxenxo se traballa nos muíños de Bordóns e no de Dorrón-Barreiro. En total, rehabilitáronse 8 muíños.

Cores Tourís tamén destacou o impacto que visualmente ten a mellora dos muíños para os veciños. “Esta zona queda francamente espectacular e estamos seguros que tamén servirá como reclamo turístico, xa que é o punto no que remata a senda peoníl que vai pola costa”, explicou o delegado territorial.

En total, a provincia de Pontevedra contou nos últimos 6 meses con 29 obradoiros que formaron a máis de 600 persoas. “Cinco destas iniciativas corresponderon a obradoiros para menores de 25 anos que xa, na anterior edición, tiveron unha moi boa acollida”, engadiu o delegado territorial. Na comarca de Arousa, desenvolvéronse un total de sete obradoiros, dous na mancomunidade do Salnés, dous en Vilagarcía, un en Cambados, outro no Grove, e outro en Vilanova de Arousa, investindo máis de 1,2 millóns de euros que permitiron formar a 150 desempregados.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou en 2016 máis de 18 millóns de euros aos obradoiros de emprego, incluíndo esta cantidade unha liña de apoio específica aos menores de 25 anos para mellorar a súa inserción laboral. Destes programas mixtos de formación e emprego, cos que se poden acceder aos certificados de profesionalidade, poderán beneficiarse máis de 2.000 desempregados.

A posta en marcha destas iniciativas ven a demostrar a importancia da colaboración institucional entre administracións, que permite poñer en marcha importantes proxectos que loitan contra o desemprego. “Esta é a razón pola que seguiremos a traballar e impulsar este tipo de obradoiros que, na próxima convocatoria, xa contarán con nove meses de duración”, explicou Cores Tourís.

7 de marzo de 2017 | 16:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.