Cores Tourís analiza accións para o aproveitamento forestal coa Asociación de Propietarios de Montes do Morrazo

Cores Tourís na reunión con representantes da asociación
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantivo esta mañá unha reunión con representantes da Asociación de Propietarios de Montes do Morrazo co obxectivo de analizar accións concretas para mellorar o aproveitamento forestal dos montes privados de Marín e Bueu.
Na reunión estiveron presentes tamén o xefe territorial de Medio Rural, Antonio Crespo, así como o xefe do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais de Pontevedra, Manuel Francisco.
Durante o encontro, os responsables da asociación, que engloba 105 socios de Marín e Bueu cun total de 70 hectáreas de superficie forestal en man privada, trasladaron ao delegado territorial o seu obxectivo principal, “que é a ordenación do monte”.
“Nos queremos que os propietarios entendan a importancia de ordenar o monte, non só para eles porque permitiría unha mellor explotación forestal, o que se traduce nun maior rendemento económico, senón tamén para toda a cidadanía e para o propio medioambiente. Ademais, axudaría tamén a previr o lume forestal e incluso a que a xente puidera localizar as fincas que herdou de xeito máis sinxelo”, explicou Luciano Guimeráns, un dos responsables da asociación presente en la reunión.
A entidade tamén quixo informarse sobre as posibles axudas que existen na administración autonómica de cara a poder contratar un estudo técnico que marque cales son as especies que maior potencialidade teñen nos montes do Morrazo.
Contactar co GDR para a posta de marcha de novos proxectos, organizar conferencias para informar aos propietarios sobre o aproveitamento máximo do monte, e iniciar plans de adaptación forestal, son outras das iniciativas coas que traballa a asociación.











