publicidade hoxe

Conde aposta pola formación para conseguir servizos de calidade nun sector turístico que xera o 12% do emprego en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSanxenxo
A-
A+
Francisco Conde na clausura do obradoiro de emprego Hostalería no Salnés

Francisco Conde na clausura do obradoiro de emprego Hostalería no Salnés

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, clausurou esta mañá o obradoiro de emprego Hostalería no Salnés VIII. No acto o conselleiro puxo en valor a importancia de impulsar planes formativos, como é o caso deste obradoiro, que permitan mellorar a calidade dos servizos no sector turístico que representa máis do 11% do PIB galego e que xera o 12% do emprego da nosa comunidade.

Grazas a este obradoiro, 20 alumnos da zona en situación de desemprego, adquiriron nos últimos 6 meses formación para operacións básicas de cociña e de restaurante bar e obtiveron o certificado de profesionalidade correspondente. Tal e como sinalou o conselleiro o obxectivo desta iniciativa é mellorar a empregabilidade e ocupabilidade dos veciños naquelas áreas que teñen unha maior demanda. Neste caso, o turismo e a hostalería, xa que esta última xera case o 30% do emprego na comarca do Salnés e, en 2016, entre as ocupacións con maior índice de inserción laboral estiveron a de camareiros asalariados, axudantes de cociña e cociñeiros asalariados.

Este obradoiro enmárcase na Axenda 20 para o emprego coa que se pretende crear máis de 80.000 postos de traballo nos próximos 4 anos con iniciativas como esta que ofrece ao alumnado formación de calidade, acceso a un emprego con contrato, a realización de obras e servizos para a comunidade ao tempo que se fomenta a colaboración institucional. En concreto, o obradoiro de emprego Hostalería no Salnés permitiu promover o turismo gastronómico da zona e a difusión da súa cociña, así como a elaboración de pratos para o comedor social de Cáritas.

Conde lembrou que a nova convocatoria de axudas para a realización de obradoiros de emprego está aberta ata o vindeiro 3 de abril. En 2017 esta actuación destina 20,5 millóns de euros, o que supón un incremento do 50% con respecto á edición anterior, para chegar a 1.600 persoas. Entre as novidades da convocatoria deste ano está, precisamente, a especial valoración da relación entre a iniciativa e o tecido empresarial da zona onde teña lugar. Tamén se ampliará a súa duración ata os 9 meses, os concellos resultantes de fusións contarán con maior puntuación, primaranse proxectos relacionados coa Industria 4.0 e cos sectores estratéxicos e terán preferencia as persoas e colectivos que máis o precisen.

Por outra banda, explicou que a fixación de poboación no rural é un dos principais obxectivos do Goberno galego, xa sexa a través deste tipo de obradoiros ou doutras iniciativas, como o Programa específico de formación e emprendemento no rural, no que se investirán 30 millóns de euros para chegar a 13.000 persoas, que se beneficiarán dun total de 10 medidas adaptadas ás necesidades destas zonas.

21 de marzo de 2017 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.