Cen nenos das Mariñas e Ferrolterra participan na campaña de esquí da Deputación da Coruña esta semana
Un centenar de nenas e nenos de entre 10 e 14 anos dos concellos de Abegondo, Aranga, Bergondo, Betanzos, Cabanas, A Capela, Coirós, Curtis, Fene, Irixoa, Melide, Miño, Mugardos, Oza-Cesuras, Paderne, Pontedeume, As Pontes, Sada, Santiso, Sobrado, Toques, Vilarmaior e Vilasantar participan dende o pasado domingo na estación invernal de Leitariegos (León) na segunda expedición á neve da Campaña de Esquí 2017, organizada pola área de Deportes da Deputación da Coruña.
Ata o vindeiro venres 10 de marzo, os escolares destes vinte e tres concellos coruñeses terán a oportunidade de iniciarse ou perfeccionar a práctica do esquí con monitores profesionais e participar en numerosas actividades deportivas e culturais que se organizan de xeito complementario.
500 nenos da provincia aprenden a esquiar coa Deputación
O deputado responsable de Deportes da institución provincial coruñesa, José García Liñares, subliñou a “gran aceptación” coa que conta cada ano este programa, que ata finais de marzo achegará a práctica do esquí a un total de cincocentos rapaces dos 93 concellos coruñeses.
A estación de Leitariegos, ubícase na comarca de Laciana, ao noroeste da provincia de León. Trátase dunha excepcional paraxe natural reserva da Biosfera que limita co Principado de Asturias e que conta con dez pistas balizadas de distintos niveis (cinco vermellas, catro azuis e unha verde) e un snowpark, así como unha escola na que ofrecen clases de esquí e snowboard.











