Balseiro destaca o apoio aos polígonos industriais para “mellorar a súa competitividade, dinamizar a economía e crear emprego”
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou o apoio da Xunta aos desenvolvemento dos polígonos industriais para “mellorar a súa competitividade, dinamizar a economía e xerar emprego”.
O delegado realizou estas declaracións durante unha visita á nave habilitada no parque empresarial de Friol para albergar un viveiro de empresas, un dos proxectos que recibiron apoio da Xunta no último ano -en concreto, destináronse 129.000 euros a esta actuación-.
Neste sentido, Balseiro explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu 1.159.000 euros en proxectos de mellora de dotacións e servizos que beneficiaron a 13 parques empresariais da provincia, e lembrou que xa está aberta a nova convocatoria dos programas para impulsar melloras nas infraestruturas dos polígonos e para poñer en marcha novos viveiros industriais.
Con respecto a estes últimos, Balseiro afirmou que a creación de viveiros de empresas é fundamental para “impulsar o emprendemento de actividades de carácter industrial”, xa que ofrecen as condicións e os servizos precisos para a posta en marcha dos proxectos empresariais, “son un apoio moi importante nas primeiras etapas de actividade e contribúen ao éxito final do proxecto”. No pasado ano, a consellería propiciou a instalación de viveiros nos polígonos de Outeiro de Rei e Friol.
Pola súa banda, outros 11 polígonos da provincia conseguiron axudas ao abeiro do programa de mellora de infraestruturas, que destinaron a servizos básicos como iluminación, rede viaria ou saneamento, e tamén a sistemas de seguridade e vixilancia.
Novas convocatorias
Os concellos que queiran abordar obras de mellora ou crear viveiros de empresas nos polígonos industriais teñen de prazo ata o 20 de marzo para presentar as súas solicitudes. Os termos das convocatorias, que suman un total de 4,7 millóns de euros, están publicados no Diario Oficial de Galicia (DOG) do luns 20 de febreiro.
A primeira liña de axudas, destinada a parques empresariais, conta cun orzamento de 4.197.000 euros, un 10,4% máis que na edición do ano pasado. Son apoios de ata o 80% do custo subvencionable, cun máximo de 120.000 euros por solicitude.
A Xunta colaborará cos municipios na execución de obras que impliquen a dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía e a implantación de melloras no alumeado público, dos que se derive un aforro con relación aos existentes no parque e que sexan eficientes desde o punto de vista enerxético; a posta en marcha de novas plantas de depuración de auga; a xestión de residuos; infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores ao parque empresarial; a colocación de sistemas de seguridade e vixilancia; instalacións comúns destinadas á loita contraincendios dentro do parque empresarial; e, como novidade nesta convocatoria, a instalación de sistemas contra o roubo de cable.
A segunda convocatoria é para fomentar a creación de viveiros industriais de empresas nos polígonos, tamén con apoios de ata o 80% do custo. As empresas que se localizarán nos viveiros deberán desenvolver unha actividade empresarial de carácter industrial e presentar un proxecto que avale a súa viabilidade económica e técnica.