publicidade hoxe

As presas de Portas e Cenza porán a proba o luns as sereas dos seus plans de emerxencias

O luns, día 27, as presas de Portas e Cenza, emprazadas nos concellos ourensáns de Vilariño de Conso e Viana do Bolo, realizarán unha proba de son das sereas dos seus plans de emerxencia exterior (PEE) que servirá para avaliar o seu correcto funcionamento e así dar a coñecer o seu son para alertar á poboación de incidencias nestas presas. O sinal será audible, entre as 12.00 e as 13:30 horas, nos lugares de Vilariño, A Paceira, A Veiguiña, poboado de Iberdrola, no concello de Vilariño de Conso; e Fornelos de Filloás, Pradocabalos, San Cibrao, A Touza, Viana e Santa Mariña da Ponte, pertencentes ao concello de Viana do Bolo.

Iberdrola está implantando os plans de emerxencia de Portas e Cenza, que teñen coma finalidade o incremento das garantías de seguridade que xa ofrecen as presas. Esta iniciativa realizase baixo control da Delegación do Goberno, Xunta de Galicia (Dirección Xeral de Emerxencias e Interior), Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o concello de Carballeda de Valdeorras.

O plan afecta a numerosos aspectos e nel establécense diversos procedementos para o suposto de que se produzan incidencias no normal funcionamento das presas. Actuacións semellantes véñense desenvolvendo noutras presas de Galicia e no resto de España.

A proba non afectará á actividade diaria dos veciños, que poderán continuar coa súa rutina. Para un maior coñecemento dos Plans de Emerxencia destas presas os concellos de Vilariño de Conso e de Viana do Bolo encargaronse de distribuír entre a veciñanza uns folletos informativos.

A Xunta de Galicia quere salientar así a importancia que teñen este tipo de exercicios, xa que dan a coñecer á poboación da zona as medidas de auto protección a aplicar en caso de un incidente, ademais da necesidade dunha coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona.

Ademais, quérese destacar tamén a importancia da aposta pola prevención, como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias.

Os plans de emerxencias teñen como obxectivo determinar os posibles riscos das presas hidráulicas e ter preparada a resposta axeitada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente.

22 de marzo de 2017 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.