As comisións informativas céntranse na cooperación cos concellos en materia de recadación, augas e xestión electrónica
As comisións informativas da Deputación de Ourense abordarán temas de cooperación cos concellos en materia de recadación, augas e xestión electrónica, nas súas xuntanzas que se celebran hoxe mércores, 22 de marzo, as comisións de Cooperación, Transparencia e Facenda, e mañá xoves, 23 de marzo, as de Termalismo, Cultura e Igualdade.
Na comisión Especial de Contas e de Facenda e Economía tratarase a delegación de competencia do Concello de Melón na Deputación de Ourense, en materia de xestión recadatoria do imposto de Bens Inmobles (IBI) e do imposto de vehículos de tracción mecánica (IVTM) do Concello de Melón. A delegación destas competencias estará vixente ata 2020, prolongándose tacitamente por períodos de 4 anos se ningunha das partes mostra expresamente a súa vontade en contra.
Por outra parte, na xuntanza abordarase a modificación da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola expedición de certificacións de natureza catastral polos servizos da Deputación de Ourense, polo que a taxa esixirase en réxime de autoliquidación mediante o impreso que se facilite nas oficinas do Servizo de Recadación da Deputación. Con este impreso realizará o ingreso en calquera das entidades bancarias colaboradoras ou a través da pasarela de pagos da sede electrónica da Deputación. Un duplicado da autoliquidación cobrada unirase ao escrito presentado. O prazo de pagamento en período voluntario das autoliquidacións será de dous días naturais.
Na comisión de Cooperación, Infraestruturas e Medio Rural abordaranse dúas expropiacións: no termo municipal de Cartelle para a execución da obra de mellora da estrada provincial “OU 0215 Toén-Arnoia”, e para a execución da obra de mellora da estrada provincial “OU-1017 Rebordondo (A-52) – Carzoá (OU-1020), no municipio de Cualedro. Asemade na reunión tratarase o programa provincial de cooperación cos concellos de menos de 20.000 habitantes para o co-financiamento da subministración de licenzas, instalación e posta en funcionamento dun sistema integral de xestión electrónica de procedementos administrativos durante os exercicios 2017 e 2018. Mediante a súa adhesión ao programa, os concellos poderán adquirir a licenza de uso da Plataforma de Tramitación Electrónica TAO 2.0. A Deputación adquirirá as licenzas necesarias para os concellos adheridos, subvencionando parcialmente o seu custe de adquisición en función do número de habitantes dos concellos.
Na xornada de mañá, na comisión informativa de Termalismo, Turismo e Medio Ambiente abordarase o convenio de cooperación para regular as condicións de prestación por parte da Deputación aos concellos de Nogueira de Ramuín e O Pereiro de Aguiar do servizo de asistencia técnica para a xestión da estación de tratamento de auga potable de Melias, incluíndo o bombeo en fervenza e aos seus correspondentes depósitos, situados en Agra de Arriba – Lamagrande e San Miguel – Faramontaos.











