publicidade hoxe

Apoio ao parque empresarial de Outeiro de Rei cun investimento de 216.000 euros no viveiro de empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOuteiro de Rei
A-
A+
José Manuel Balseiro na visita ao parque empresarial de Outeiro de Rei

José Manuel Balseiro na visita ao parque empresarial de Outeiro de Rei

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, gabou o dinamismo do parque empresarial de Outeiro de Rei, que vén de crear un viveiro de empresas que servirá -afirmou- para “impulsar o emprendemento de actividades de carácter industrial”.

Durante a visita ao viveiro, o delegado puxo de manifesto o apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria a este proxecto, ao que destinou un investimento de 216.000 euros, e afirmou que a Xunta está a impulsar o desenvolvemento dos polígonos industriais para “mellorar a súa competitividade, dinamizar a economía e xerar emprego”.

Así, o delegado explicou que están abertos novos programas para mellorar servizos ou crear viveiros de empresas nos polígonos. Os concellos que queiran presentar solicitudes teñen de prazo ata o 20 de marzo. Os termos das convocatorias, que suman un total de 4,7 millóns de euros, están publicados no Diario Oficial de Galicia (DOG) do luns 20 de febreiro.

A primeira liña de axudas, destinada á mellora dos parques empresariais, conta cun orzamento de 4.197.000 euros, un 10,4% máis que na edición do ano pasado. Son apoios de ata o 80% do custo subvencionable, cun máximo de 120.000 euros por solicitude.

A Xunta colaborará cos municipios na execución de obras que impliquen a dotación de servizos centralizados de xeración e subministración de enerxía e a implantación de melloras no alumeado público, dos que se derive un aforro con relación aos existentes no parque e que sexan eficientes desde o punto de vista enerxético; a posta en marcha de novas plantas de depuración de auga; a xestión de residuos; infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores ao parque empresarial; a colocación de sistemas de seguridade e vixilancia; instalacións comúns destinadas á loita contraincendios dentro do parque empresarial; e, como novidade nesta convocatoria, a instalación de sistemas contra o roubo de cable.

A segunda convocatoria é para fomentar a creación de viveiros industriais de empresas nos polígonos, tamén con apoios de ata o 80% do custo.

9 de marzo de 2017 | 16:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.