publicidade hoxe

A Xunta trasládalle ao Concello de Santiago o inicio da tramitación urbanística do proxecto da estación intermodal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

A Xunta ven de trasladarlle ao Concello de Santiago o inicio da tramitación urbanística do proxecto integrado de nova estación intermodal (terminal de autobuses e terminal ferroviaria conectadas entre si), para que a Administración local a someta a información pública durante un período de 20 días hábiles e emitir informe preceptivo e vinculante sobre o proxecto, para o que dispón doutros 10 días hábiles. Esas son as responsabilidades municipais que establece a Lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese público, pola que o Ministerio de Fomento, o Goberno galego e o Concello de Santiago acordaron tramitar urbanísticamente o proxecto da estación intermodal.

Isto evitará ter que agardar á culminación da tramitación do plan especial previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal para o desenvolvemento do ámbito urbanístico da estación intermodal, que pode demorarse ata entre 20 ou 22 meses, retrasando considerablemente a posibilidade de licitar as obras. A tramitación a través da chamada ‘lei expres’ fará posible dispor da seguridade urbanística necesaria para iniciar este mesmo ano a contratación das obras da primeira fase do proxecto da intermodal, é dicir, a estación de autobuses e a pasarela cuberta que a conectará coa terminal ferroviaria.

Desde o Goberno galego, lémbrase que o Concello compostelán ten tamén a responsabilidade de poñer á disposición os terreos necesarios para a construción da nova estación de autobuses. Nese sentido, solicítase que a información publica se realice “a efectos expropiatorios”, co fin de acelerar os trámites o máximo posible para que a capital de Galicia conte cunha estación intermodal á altura da importancia desta cidade.

A Xunta segue a avanzar nos compromisos adquiridos, nos trámites para a execución e posta en marcha dunha estación intermodal na capital de Galicia útil, eficiente e adaptada ás necesidades dos composteláns e de todos os usuarios e viaxeiros.

14 de marzo de 2017 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.