publicidade hoxe

A Xunta reitera o compromiso co Concello de Santiago e o Estado de asumir o 20% da construción da Edar do Souto

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A Xunta de Galicia reitera o seu compromiso co Concello de Santiago e o Estado de asumir a metade do investimento que non conte con financiamento estatal, que se estima arredor do 20 por cento, da actuación para crear unha nova Edar no lugar do Souto. O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez Martínez, insistiu durante a súa comparecencia na Comisión 2ª de Ordenación do Territorio, Obras Públicas e Medio Ambiente en que o Goberno galego manterá esta colaboración como xa o fixo anteriormente co financiamento da mellora da Edar de Silvouta.

Con respecto a esta nova actuación no Souto, salientou que é imprescindible que as tres administracións implicadas -Xunta, Concello e Estado- cooperen para avanzar nesta actuación hidráulica “moi demandada” e que mellorará a calidade das augas e garantirá a recuperación ambiental do río Sar e o seu ecosistema. Así, a vontade de todas as administracións para que o Concello de Santiago conte o antes posible con esta infraestrutura quedou reflectida durante unha xuntanza convocada pola Comisión de Seguimento do proxecto celebrada en Santiago o pasado mes de febreiro.

Ademais, o director de Augas de Galicia lembrou os termos da colaboración para a que se adquiriu compromiso de financiamento por parte do Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente no ámbito das competencias encomendadas á Sociedade Estatal Augas das Concas de España (Acuaes), promotor da obra; e a Xunta de Galicia, que xa comprometeu a metade do custo da actuación que non dispoña de financiamento estatal. Deste xeito, segundo indicou Roberto Rodríguez, “é importante que o Concello de Santiago faga fronte ás súas responsabilidades e manteña o seu compromiso de achegar a participación que lle corresponde, de forma que se poidan iniciar os traballos canto antes”.

En relación á tramitación de Declaración de Impacto Medioambiental da obra, Rodríguez recordou que o informe foi favorable, non obstante, esta declaración inclúe un Plan de Vixilancia Ambiental que garante o cumprimento e adecuación das recomendacións e medidas correctoras recollidas a partir dos estudos, dos informes técnicos e das consultas recibidas durante a elaboración do proxecto.
Deste modo, o director de Augas de Galicia asegurou que “este Goberno se manterá vixilante” para que o promotor da obra adopte as medidas correctoras e minimice calquera impacto sobre o medio ambiente.

15 de marzo de 2017 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.