publicidade hoxe

A Xunta publica no DOG a licitación das obras da senda peonil que unirá Neaño e a Carballa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabana de Bergantiños
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras da senda peonil que unirá as localidades de Neaño e A Carballa por un investimento de máis de 364.000 euros, tal como lle comunicou onte a conselleira, Ethel Vázquez, ao alcalde de Cabana, José Muíño, nun encontro de traballo.

Estas obras, que levará a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), serán cofinanciadas polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020. O prazo para a presentación de ofertas rematará o vindeiro 17 de abril e o prazo de execución establecido é de seis meses. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: goo.gl/TE9Pwd.

Cómpre lembrar que o Goberno galego vén de convocar os propietarios dos terreos afectados por estas obras o vindeiro día 24 de marzo para levar a cabo o levantamento de actas previas.

O itinerario que unirá os núcleos de Neaño e A Carballa facilitará a mobilidade no concello, posto que se conecta mellor o leste do municipio cos servizos localizados nesta zona: a Casa do Concello, o xulgado de paz, o centro de Saúde, o colexio público e a zona deportiva.

Esta actuación, ao unir esta senda coas beiravías existentes, posibilitará a constitución dun itinerario total de case 7 km que permitirá desprazarse en condicións de seguridade dende Ponteceso ata Taboído.

A senda, que terá unha lonxitude de 1.564 metros, executarase en formigón, pola marxe esquerda da estrada AC-429, desde o punto quilométrico 2+176 (intersección coa DP-1406 a Cesullas situada no núcleo de Neaño) ata o 3+565, lugar no que existe un paso inferior. Desde ese punto, a senda continua pola marxe dereita da vía ata o Pq. 3+740 (entrada en A Carballa), aproveitando o camiño existente ao pe do noiro.

Estas infraestruturas terán beneficios para as persoas, ao velar pola súa seguridade e tratar de fomentar hábitos máis saudables; as vilas, supoñendo menor conxestión de vehículos; e para o medio, significando menos contaminación.

Plan de Sendas en Bergantiños

Esta actuación está enmarcada no Plan de Sendas da Comarca de Bergantiños, no que a Xunta está a investir 5 millóns de euros para a construción de 7 itinerarios seguros e sustentables que sumarán uns 11 quilómetros.

Coa licitación de hoxe son xa 4 sendas as licitadas nesta comarca: Neaño- A Carballa, Laracha- Paiosaco, Buño- Xornes- Canta la Rana e Carballo- Bértoa. As actuacións destes dous últimos itinerarios comezarán no vindeiro mes de abril. Os proxectos das sendas restantes atópanse en fase de redacción e supervisión.

22 de marzo de 2017 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.