publicidade hoxe

A Xunta publica a licitación das obras dunha senda peonil e ciclista na AC-960 cun orzamento de 545.000 euros

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación para a construción do itinerario peonil e ciclista na AC-960, nos treitos entre A Susana e o polígono industrial (p.q. 0+000-0+810) e entre o polígono industrial e A Eirexe (p.q. 1+170-2+250), nos Concellos de Santiago e Boqueixón. Esta actuación conta cun orzamento de case 545.000 euros.

Estas obras, que levará a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), serán cofinanciadas polo Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020. Neste enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a resolución que se publica hoxe. O proxecto ten por obxecto a execución dun itinerario peonil e ciclista na marxe dereita da estrada AC-960, para comunicar o núcleo da Susana e o lugar da Eirexe, que constituirá así un itinerario continuo entre ambas as poboacións.

A senda executarase en dous treitos: A Susana-polígono industrial, onde hai dúas seccións, ambas en formigón coloreado e nas que o ancho varía entre os 3,15 e os 1,80 metros, con separador vexetal nas zonas onde existe máis espazo e bordo delimitador; e o polígono industrial-A Eirexe, un treito de 1.080 metros, cunha sección de 3,15 m, con separador vexetal de 0,9 metros e bordo delimitador de formigón.

As obras previstas, que terán un prazo de execución de 6 meses, comprenden tamén as seguintes actuacións, que son necesarias para garantir a súa funcionalidade: como a reposición e ampliación da drenaxe existente; a execución de gabias para dar continuidade á drenaxe lonxitudinal; deixar servizos para futuras canalizacións; a reposición da sinalización horizontal e a mellora e recuamento da sinalización vertical. Ademais da colocación de proteccións peonís e reposición dos sistemas de contención e de balizamentos e a reposición de servizos públicos e privados.

A senda forma parte das actuacións proxectadas dentro do Plan de Sendas de Galicia para a comarca de Santiago, na que a Xunta investirá máis de 2,6 millóns de euros na construción de 9 novas sendas seguras e sustentables, que sumarán 15,6 quilómetros de actuacións. Así, no marco deste plan, xa se rematou a senda da estrada AC-240, no Concello de Touro; e o proxecto que unirá a parte norte de Pontevea co centro de saúde no municipio de Teo está en supervisión, permitindo así o tránsito peonil na estrada AC-841.

27 de marzo de 2017 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.