publicidade hoxe

A Xunta pretende que a totalidade do territorio teña cobertura nun xeodestino para incrementar a demanda turística

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, explicou hoxe que a Xunta de Galicia pretende que a totalidade do territorio teña cobertura nun xeodestino co obxectivo de “incrementar a demanda turística, tanto en viaxeiros como en pernoctacións”.

Balseiro amosouse convencido “da relevante capacidade turística da provincia de Lugo, confirmada na extraordinaria evolución experimentada neste ámbito durante o pasado ano, cando obtivemos unha cifra récord de visitantes cun incremento da demanda do 4,8%”.

O delegado lembrou que os xeodestinos están contemplados na normativa turística de Galicia; en concreto, a provincia de Lugo está dividida en catro: Lugo-Terra Chá, A Mariña lucense, A Ribeira Sacra e Os Ancares-Courel. Son espazos que pertencen a áreas xeográficas limítrofes, cunha identidade turística singular e diferenciada e permiten presentar unha oferta unitaria.

Deles, están operativos o da Ribeira Sacra, a través do Consorcio de Turismo, e o da Mariña, a través da Mancomunidade de Municipios. Turismo de Galicia asina sendos convenios con estas entidades para o desenvolvemento de actividades de fomento de turismo que sirvan para reafirmar o xeodestino.

Balseiro referiuse á boa acollida que tivo por parte dos responsables municipais a proposta para poñer en marcha os de Lugo-Terra Chá e Os Ancares-Courel, e asegurou que a Xunta está a prestarlles asesoramento técnico nestes primeiros pasos.

En todo caso, apuntou, a Xunta ten un papel “impulsor” e colabora con axudas económicas destinadas aos xeodestinos pero “son os concellos os que deciden sobre o proxecto”. “Por iso os convocamos nun primeiro encontro exploratorio para coñecer se estaban dispostos a esa integración e para que sexan eles os que decidan o modelo no que queren organizarse”, asegurou o delegado.

O delegado afirmou que en materia de turismo é importante sumar esforzos e valorou positivamente o interese que amosou a Deputación Provincial polos xeodestinos, se ben considera que este é momento de que os concellos decidan, en base á súa autonomía, como van desenvolver a xestión, “e despois a Deputación terá oportunidade de ofrecerlles unha colaboración real, como fai a Xunta de Galicia que achega 100.000 euros anuais ao da Ribeira Sacra e 80.0000 á Mancomunidade da Mariña, en apoios directos para a promoción turísticas en base ao número de municipios”.

7 de marzo de 2017 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.