A Xunta porá á disposición das familias máis de 22.400 prazas en escolas infantís de 0 a 3 anos
A Xunta de Galicia porá a disposición dos pais e nais galegos de nenos e nenas de 0 a 3 anos no vindeiro curso escolar 2017-2018, 22.439 prazas sostidas con fondos públicos en escolas infantís. Esta cifra supón que, un ano máis, a Comunidade Autónoma superará a ratio aconsellada pola Unión Europea situándose nun 38% de cobertura, o que supón un punto máis que o ano pasado. Delas, 9739 son prazas públicas en centros xestionados directamente pola Consellería de Política Social, tal e como recollen as resolucións para a adxudicación de prazas para o curso 2017-2018 publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia.
A rede de escolas “A Galiña Azul” dependentes directamente da administración autonómica estará formada no próximo ano escolar por 166 escolas –entre as que xestiona a Axencia Galega de Servizos Sociais e as do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar- e sumará 123 prazas máis coa apertura de dous novos centros: a escola infantil de Arteixo- Río Tambre, que ofertará 82 prazas, e a de Burela- Os Castros, que ofertará 41.
Como novidades principais da resolución da Axencia Galega de Servizos Sociais –para as súas escolas-, contémplase a apertura dunha escola por localidade nos diferentes períodos vacacionais de Nadal e Semana Santa independentemente da demanda existente. Elimínase a necesidade de ter unha demanda mínima de 15 nenos/as para a súa apertura nestes períodos. Cómpre destacar tamén que ata este momento era preciso a xustificación baseada en motivos laborais ou enfermidades graves, mentres que a partir de agora, nos casos de enfermidade admitirase calquera motivo de saúde que impida o coidado da nena ou do neno. Ademais, por primeira vez, neste caso tanto nas escolas xestionadas pola Axencia, como nas dependentes do Consorcio, existirá a posibilidade de solicitar un traslado de centro dentro dun mesmo concello por motivos de cambio de domicilio ou lugar de traballo e fóra dos prazos ordinarios.
Así o indicaron a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización demográfica, Amparo González, xunto co xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, quen realizaron unha visita á Escola Infantil Nuestra Señora del Sagrado Corazón (Lugo), da Rede Galiña Azul. No transcurso da mesma, e con motivo do Día Internacional da Muller, lembraron que as escolas infantís e todos os recursos de conciliación postos en marcha pola Xunta de Galicia contribúen á incorporación e continuidade da muller no mercado laboral e á compatibilización da vida familiar e profesional.
A atención á infancia, o apoio ás familias e favorecer a conciliación é unha das liñas estratéxicas da Xunta e as escolas infantís son un dos piares fundamentais para facer máis doado que os pais e nais poidan compaxinar a vida laboral, familiar e social.
Prazas financiadas con fondos públicos
Ademais, esta rede autonómica complétase coas prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos que están sostidas con recursos públicos da Xunta de Galicia nos centros educativos dependentes de entidades de iniciativa social -con 2623 prazas-, coas prazas concertadas –nesta convocatoria ofértanse 424-; a través do Bono Concilia, que outorgou ata a data preto de 2600 axudas; e das Casas Niño, que poñen a disposición das familias 150 prazas.
Así mesmo, a este listado hai que engadir as prazas en escolas infantís municipais e as que xestionan entidades como o Sergas e as Universidades. Deste xeito, a rede galega de escolas infantís disporá de 22.439 prazas no vindeiro curso, unha cifra que resulta da suma de prazas públicas das escolas infantís que dependen directamente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e da Axencia Galega de Servizos Sociais, máis aquelas nas que participa no seu financiamento a Xunta de Galicia.
Presentación de solicitudes
Segundo recolle o Diario Oficial de Galicia, os interesados teñen desde o 9 de marzo ata o 10 de abril (ambos incluídos) para presentar as solicitudes de adxudicación de praza nas escolas infantís. As listaxes provisionais de admitidos e de agarda, publicaranse o 9 maio e poderanse consultar nas propias escolas infantís onde se solicitara a praza, así como nas páxinas web da Consellería de Política Social, http://politicasocial.xunta.gal, e do Consorcio www.igualdadebenestar.org. Toda a información relativa ás resolucións publicadas hoxe no DOG pódense consultar nos seguintes enlaces:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170308/AnuncioG1342-020317-0001_gl.html e https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170308/AnuncioG0379-020317-0001_gl.html











