publicidade hoxe

A Xunta informa aos comerciantes de Lugo das novas axudas para impulsar a competitividade do sector

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, e o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participaron hoxe nun encontro con asociacións de comerciantes da provincia de Lugo co obxectivo de achegarlles os novos programas de axudas para impulsar a competitividade do sector.

Na reunión informouse da nova convocatoria da Consellería de Economía, Emprego e Industria destinada ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e das prazas de abastos, así como do programa para as federacións e asociacións de ámbito superior ao municipal. A través destas dúas iniciativas o ano pasado concedéronse axudas por preto de 320.000 euros na provincia de Lugo polas cales un total de 11 asociacións e federacións beneficiarias desenvolveron case un cento de iniciativas para atraer nova clientela ao comercio de proximidade e mellorar os servizos que ofrecen aos consumidores.

As novas axudas, que poderán solicitarse ata o 3 de abril, poden chegar no caso dos centros comerciais abertos ata os 40.000 euros e alcanzar o 80% do investimento subvencionable, en función da poboación dos concellos en que están situados e do número de establecementos asociados. No que respecta ás asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, podendo alcanzar a subvención un máximo de 9.800 euros. Por outra banda, no tocante ás federacións e asociacións de ámbito superior ao municipal, obterán axudas de ata 49.000 euros e o 70% do investimento subvencionable a través do tícket de dinamización comercial.

Campaña para impulsar o emprendemento e a calidade do sector

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, presentou hoxe no CIFP As Mercedes de Lugo a terceira edición da iniciativa da Xunta Comercio con talento, que ten por obxectivo impulsar a innovación e o emprendemento no sector comercial entre o alumnado que recibe formación profesional específica sobre este sector.

Tal como explicou a directora xeral de Comercio e Consumo, na campaña poden participar os alumnos e alumnas dos centros galegos que imparten os ciclos de formación profesional básica de Servizos comerciais, do ciclo formativo de grao medio de Actividades comerciais, e dos de grao superior de Xestión de vendas e espazos comerciais, Comercio internacional, Transporte e loxística, e Márketing e publicidade. En Lugo, ademais do CIFP As Mercedes, participa tamén o IES de Foz.

No concurso, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, os alumnos estudarán o comercio da súa comarca para finalmente seleccionar un negocio. A continuación, os participantes elaborarán un proxecto sobre o comercio elixido, que deberán enviar antes do 26 de maio.

Un xurado especializado escollerá os nove comercios con máis talento de entre os propostos e fará unha preselección de 5 proxectos que se publicarán no Facebook do Portal do Comerciante para que un dos dez premios sexa decidido polo número de me gustas que reciba. Os alumnos autores dos proxectos gañadores recibirán como premio un iPad mini.

23 de marzo de 2017 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.