publicidade hoxe

A Xunta informa aos comerciantes da Coruña das novas axudas para impulsar a competitividade do sector

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Sol Vázquez no encontro coas asociacións. Foto: M. Fuentes

Sol Vázquez no encontro coas asociacións. Foto: M. Fuentes

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, participou hoxe nun encontro con asociacións de comerciantes da Coruña para achegarlles as novas convocatorias de axudas para impulsar a competitividade do sector.

Na reunión, á que asistiu tamén o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, informouse da nova convocatoria do programa de axudas da Consellería de Economía, Emprego e Industria ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e das prazas de abastos, así como do programa destinado ás federacións e asociacións de ámbito superior ao municipal. A través destas dúas iniciativas o ano pasado concedéronse axudas por preto de 600.000 euros polas cales se desenvolveron 150 iniciativas na provincia para atraer nova clientela ao comercio de proximidade e mellorar os servizos que ofrecen aos consumidores

As axudas, que poderán solicitarse ata o 3 de abril, poden chegar no caso dos centros comerciais abertos ata os 40.000 euros e alcanzar o 80% do investimento subvencionable, en función da poboación dos concellos en que están situados e do número de establecementos asociados. No que respecta ás asociacións das prazas de abastos, a porcentaxe de axuda é do 70%, podendo alcanzar a subvención un máximo de 9.800 euros. Por outra banda, no tocante ás federacións e asociacións de ámbito superior ao municipal, obterán axudas de ata 49.000 euros e o 70% do investimento subvencionable a través do tícket de dinamización comercial.

O respaldo ao asociacionismo comercial é unha das prioridades do Plan estratéxico de impulso ao Comercio de Galicia, que destina 70 millóns de euros ata 2020 a modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con 55 accións específicas articuladas arredor de tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; impulsar o smart commerce e o comercio electrónico; e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua.

9 de marzo de 2017 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.